O Goberno do PP gasta 55 millóns nun helicóptero nocturno mentres nega máis bases medicalizadas en Galiza

A CIG-Saúde denuncia que a Xunta prioriza un helicóptero medicalizado de alto custo fronte ao reforzo das ambulancias do 061 e á creación de novas bases medicalizadas, especialmente no rural galego.
Ambulancias
26 Dec 2025

A CIG-Saúde denunciou que o Goberno galego do PP destina arredor de 55 millóns de euros á posta en marcha dun helicóptero medicalizado con servizo nocturno mentres continúa negando a creación de novas bases medicalizadas do 061 en distintos puntos de Galiza.

Segundo a central sindical, este investimento permitiría poñer en funcionamento ata tres bases medicalizadas do 061, un recurso que consideran “moito máis próximo, eficaz e necesario para garantir a atención ás emerxencias, especialmente no rural, con capacidade para prestar servizo as 24 horas do día os 365 días do ano”.

CIG-Saúde lembra que leva anos denunciando a falta de bases e ambulancias medicalizadas en amplas zonas do país, unha carencia estrutural que segue sen resposta por parte do SERGAS. Na actualidade, a maioría destes recursos concéntranse nas cidades e nas zonas máis poboadas, deixando sen cobertura próxima á poboación rural.

A organización sindical considera que o anuncio do helicóptero responde máis a unha medida propagandística que a unha solución real ás necesidades asistenciais da cidadanía. Ademais, advirte de que este recurso non poderá operar todos os días polas condicións meteorolóxicas nin acceder a determinadas zonas do territorio, polo que “non vai solucionar o problema real de acceso ás emerxencias sanitarias das persoas que viven no rural”.

Entre as súas reivindicacións, CIG-Saúde reclama que o orzamento previsto para o helicóptero se destine a reforzar as ambulancias medicalizadas, incorporando un segundo persoal técnico sanitario nas de baixo custo, que actualmente funcionan cunha soa persoa profesional.

Así mesmo, consideran imprescindíbel a creación dunha unidade específica para o traslado de pacientes con shock cardioxénico ou con dispositivos Impella, equipada con plataformas elevadoras e sistemas de suxeición homologados que garantan a seguridade do persoal e das persoas pacientes.

Por último, reclaman que as actuais SVAE pasen a prestar servizo as 24 horas, fronte ás 12 actuais, unha limitación que reduce de maneira significativa a capacidade de resposta do sistema de emerxencias sanitarias.

Por todo isto, CIG-Saúde esixe ao SERGAS unha distribución equitativa dos recursos sanitarios en toda Galiza e unha aposta real polo reforzo da sanidade pública. “A cidadanía precisa unha sanidade pública forte e eficaz, non proxectos vistosos que deixan sen protección real amplas zonas do país”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.38028883934021