O Goberno habilita refuxios climáticos en edificios públicos da Administración Xeral do Estado en Galicia

As Subdelegacións do Goberno na Coruña, Lugo e Ourense, así como a Oficina de Estranxeiría en Vigo están incluídas nesta rede
temperatura-calor
27 Jul 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou hoxe a posta en marcha por parte do Goberno de España da Rede Nacional de Refuxios Climáticos, unha iniciativa destinada a reforzar a protección da cidadanía fronte aos efectos do cambio climático e, especialmente, fronte aos episodios de calor extrema.

Neste contexto, o delegado explicou que a Administración Xeral do Estado porá a disposición da cidadanía en Galicia un total de catro edificios públicos, concretamente as Subdelegacións do Goberno na Coruña, Lugo e Ourense, así como a Oficina de Estranxeiría en Vigo (Rúa Teófilo Llorente), que funcionarán como refuxios climáticos durante os episodios de temperaturas extremas, ofrecendo espazos seguros e acondicionados para as persoas que máis o precisen.

Pedro Blanco destacou que esta medida supón “un paso máis no compromiso do Goberno coa adaptación ao cambio climático e coa protección das persoas máis vulnerables”, ao tempo que lembrou que o Goberno destina 10 millóns de euros en novas axudas para financiar a creación de novos refuxios climáticos, incluídos os centros educativos, así como outros 9 millóns de euros destinados ao desenvolvemento e consolidación de infraestruturas verdes, que permitirán avanzar na renaturalización das cidades e reforzar a súa capacidade de adaptación.

O delegado subliñou que “a loita contra o cambio climático tamén pasa por garantir que ninguén quede desprotexido fronte ás súas consecuencias”. Neste sentido, lembrou que as altas temperaturas afectan de maneira desigual á poboación, sendo especialmente vulnerables as persoas maiores, a infancia, as persoas con enfermidades crónicas, quen desenvolve o seu traballo ao aire libre e aquelas con menos recursos económicos.

“Para moitas persoas, a calor extrema non é unha simple incomodidade, senón un risco real para a súa saúde e o seu benestar. Por iso é fundamental que as administracións poñamos os nosos recursos ao servizo da cidadanía”, afirmou.

O delegado fixo tamén un chamamento aos concellos, ás deputacións provinciais e á Xunta de Galicia para que se sumen a esta iniciativa e amplíen a rede de refuxios climáticos cos seus propios equipamentos públicos, garantindo que todas as persoas dispoñan dun espazo próximo onde protexerse durante os episodios de calor extrema.

“O noso país está hoxe moito máis preparado e comprometido coa adaptación ao cambio climático que hai uns anos. Seguimos impulsando políticas que protexen ás persoas, especialmente ás máis vulnerables, e que fan das nosas cidades e vilas espazos máis habitables e resilientes”, concluíu.

0.26705718040466