O Goberno investirá máis de 5 millóns de euros en melloras no paseo da ría do Burgo

Pedro Branco anunciou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten en marcha un proxecto integral na contorna da ría do Burgo que inclúe a prolongación do paseo, reparacións de pavimentos, novas pasarelas e carrís bici, dando resposta ás demandas dos municipios da área da Coruña.
Pedro Blanco
5 May 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, anunciou hoxe un proxecto integral de melloras na contorna da ría do Burgo, cun investimento previsto de máis de 5 millóns de euros por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Este proxecto permitirá renovar e acondicionar de maneira uniforme o paseo que percorre os concellos de Culleredo, Oleiros, Cambre e A Coruña. Branco subliñou que estas actuacións “completarán a rexeneración e humanización da ría, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.

As intervencións previstas inclúen a prolongación do paseo desde o concello de Oleiros ata Cambre (453 metros), melloras no muro do paseo de Culleredo, reparación de pavimentos (3.200 metros) e substitución dos actuais barrotes por un pretil de granito que asegure a protección ante subidas do nivel do mar.

Tamén se ampliará o bordo marítimo na zona da Pasaxe cun novo carril bici e pavimento peonil de máis de 4 km. Ademais, no parque do Paraíso, en Oleiros, acometerase a construción dun novo paseo pegado á ribeira cun ancho de 3 metros e cun orzamento de máis de medio millón de euros.

Por último, está prevista a construción dunha nova pasarela peonil en Santa Cruz, tamén no termo municipal de Oleiros.

Estas actuacións súmanse aos 41,5 millóns de euros xa investidos polo Ministerio no dragado da ría do Burgo, o proxecto de descontaminación máis importante de España, segundo destacou Branco.

⚙ Configurar cookies
0.11115598678589