O Goberno reforza o seu apoio á intelixencia artificial en galego cun novo investimento de 480.000 euros para a USC

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e presidenta da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), María González Veracruz, anunciou un novo financiamento para a Universidade de Santiago de Compostela (USC) destinado a impulsar proxectos de intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe en galego.
A responsable estatal trasladou este compromiso á nova reitora da USC, Rosa Crujeiras, durante unha reunión celebrada esta semana en Madrid. Segundo informou, o apoio do Goberno de España, a través do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, permitirá dar continuidade ás iniciativas desenvolvidas polo centro de investigación CiTIUS.
Neste marco, González Veracruz avanzou a sinatura dun novo convenio de colaboración entre a AESIA e a Universidade de Santiago de Compostela, dotado con 480.000 euros. O acordo financiará actuacións relacionadas coa alfabetización en intelixencia artificial, a avaliación de nesgos que poidan afectar aos dereitos fundamentais e a loita contra a desinformación nas tecnoloxías intelixentes.
“O CiTIUS da Universidade de Santiago reúne unha combinación singular de experiencia científica, liderado en IA fiable e responsable, e capacidade de transferencia e formativa, o que o converte no noso aliado para seguir facendo de España unha líder mundial en intelixencia artificial ética, fiable e para o ben común”, sinalou María González Veracruz.
A secretaria de Estado destacou tamén o traballo desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega, que xa recibiron 3,4 millóns de euros de financiamento da Secretaría de Estado para potenciar o uso do galego no ámbito da intelixencia artificial e das tecnoloxías da linguaxe.
Segundo os datos facilitados, este investimento permitiu ampliar de forma significativa os recursos lingüísticos dispoñibles para adestrar modelos de intelixencia artificial. En concreto, o volume de textos en galego utilizados como corpus pasou de 40 millóns de palabras a 2.700 millóns, multiplicándose por 67. Este incremento mellora a capacidade de aprendizaxe dos modelos de IA, aumenta a súa precisión e reforza o posicionamento do galego na contorna dixital.
O financiamento tamén fixo posible o desenvolvemento de tradutores neuronais entre distintas linguas, situando o sistema de tradución galego-castelán como o de mellores prestacións entre os existentes.
Ademais, os equipos de investigación desenvolveron modelos fundacionais de intelixencia artificial para galego e portugués europeo. Entre eles figura o modelo de linguaxe Carballo, deseñado con altas prestacións para o galego e distribuído en código aberto co obxectivo de favorecer a democratización desta tecnoloxía.
Por último, o proxecto permitiu avanzar no desenvolvemento de sistemas de voz en galego de altas prestacións, ampliando así as capacidades tecnolóxicas dispoñibles para esta lingua no ámbito da intelixencia artificial.