O Gran Camiño pasa este venres pola provincia de Ourense cunha etapa entre Xinzo e Xunqueira de Espadanedo

A Etapa Raíña percorrerá ao longo da xornada concellos como Allariz, Celanova, Barbadás, Ourense, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil
Ciclismo o gran camiño
17 Apr 2026

O ciclismo internacional de máximo nivel volve á provincia de Ourense coa celebración da etapa raíña de O Gran Camiño 2026, que terá lugar este venres 17 de abril con saída en Xinzo de Limia e chegada en Xunqueira de Espadanedo, recuperando a esencia da histórica Volta Ciclista a Galicia.

A proba sairá de Xinzo de Limia e pasará ao longo da xornada por Allariz, Celanova, Barbadás, Ourense, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil, ata chegar a Xunqueira de Espadanedo.

O presidente provincial, Luis Menor, valora o regreso desta proba á provincia como unha mostra de que “Ourense é unha provincia con afección e capacidade para acoller grandes eventos”, lembrando o éxito doutras edicións que, salienta, “quedaron gravadas na memoria colectiva, como as metas de Ribadavia ou Rubiá, ou a saída de Xinzo, vivida como unha auténtica festa popular”.

Ademais, o presidente provincial pon de relevo o carácter e a proxección internacional deste evento que se retransmite en máis de 150 países, transcendendo o ámbito deportivo para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio, así como o seu prestixio deportivo, cun palmarés no que figuran nomes como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee.

Menor reafirma a aposta da Deputación por este tipo de eventos que, destacou, “suman deporte, promoción turística, economía local e orgullo de territorio”, sinalando que cada etapa supón unha oportunidade para dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense.

0.27873992919922