O Grupo Socialista acusa á Xunta de “facer pantalla de fume” coa Dependencia

Silvia Longueira denuncia que o goberno galego boicotea a Lei da Dependencia en Galicia, escatima información ás persoas beneficiarias e sobrecarga aos concellos sen garantir recursos. Reclama máis compromiso por parte da Xunta tras o incremento de fondos estatais.
Silvia Longueira
21 Jul 2025

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou á Xunta de Galicia de “facer unha pantalla de fume” ao culpar ao Goberno central e aos concellos mentres entorpece a aplicación efectiva do dereito á Dependencia no territorio galego.

Longueira lembrou que o Estado vén de anunciar un incremento de 52,4 millóns de euros para Galicia, así como unha reforma da Lei da Dependencia destinada a mellorar as prestacións, reducir os prazos e axilizar as valoracións. Con todo, considera que o Goberno galego “boicotea” a aplicación desta lei, converténdose nunha das comunidades que menos achega recursos á Dependencia, segundo datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.

A socialista alertou de que a Xunta está a ocultar información aos potenciais beneficiarios para evitar asumir responsabilidades, provocando que arredor do 40% das persoas con dereito a estas axudas queden fóra do sistema. “É unha estratexia miserable para xogar cos dereitos da cidadanía”, afirmou.

Tamén criticou que a Xunta sobrecargue aos concellos con servizos como o de Axuda no Fogar sen garantir os fondos necesarios, o que afoga as finanzas municipais e pon en risco a calidade das prestacións sociais.

Por iso, esixiu á Xunta que “deixe de dar escusas de mal pagador” e incremente o esforzo no financiamento e desenvolvemento da Lei da Dependencia. Reclama tamén que se incorpore este dereito ao futuro Plan Estratéxico de Servizos Sociais e que se reduzan as listas de agarda. Finalmente, instou ao Executivo autonómico a escoitar as achegas do Colexio de Traballo Social para mellorar a xestión deste servizo esencial.

⚙ Configurar cookies
0.26887989044189