O Grupo Socialista acusa ao PP de “fosilizar a lingua” ao opoñerse a un novo Plan de Normalización e á derrogación do decreto do Plurilingüísmo

A portavoz de Lingua do PSdeG, Silvia Longueira, acusou ao PP de “fosilizar a lingua” ao rexeitar unha proposta socialista que pedía un novo Plan de Normalización Lingüística e a invalidación do decreto do Plurilingüísmo. O Parlamento aprobou parcialmente a iniciativa, mantendo os puntos sobre impulso do galego entre a mocidade e máis contido audiovisual na CRTVG.
silvia-longueira
17 Oct 2025

A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao PP e ao Goberno galego de “fosilizar a lingua galega” ao opoñerse á elaboración dun novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e á derrogación do decreto do Plurilingüísmo, aprobado en 2009.

Durante a Comisión de Lingua, Longueira advertiu que a política lingüística actual “leva camiño de converter á lingua na lamprea: un fósil de 470 millóns de anos que só aparece unha vez ao ano”. A deputada subliñou que a falta de estratexia e de recursos públicos está provocando un deterioro do galego, que “por primeira vez é menos coñecido ca o castelán en Galicia”.

A socialista pediu “máis estratexia e máis recursos” para desfacer o dano xerado polo decreto do Plurilingüísmo e insistiu en que “non hai moito que facer se non aumentan os orzamentos para política lingüística e unha boa estratexia no sistema educativo”.

A proposta socialista rexeitada incluía, entre outros puntos, a recuperación do consenso político e social para elaborar un novo Plan Xeral de Normalización e a promoción da música en galego e dos festivais nesta lingua a través da CRTVG.

Con todo, o PP apoiou parcialmente a iniciativa, aprobando os apartados que reclaman reforzar o Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade, incrementar o contido audiovisual en galego —especialmente nas plataformas dixitais e redes sociais— e impulsar o galego nas disciplinas científico-técnicas.

O Parlamento acordou así instar á Xunta a promover o uso do galego entre a mocidade, aumentar a dobraxe e produción audiovisual nesta lingua e potenciar a presenza do idioma no mundo dixital.

⚙ Configurar cookies
0.2929630279541