O Grupo Socialista alerta da “parálise, improvisación e desgoberno” da Xunta na xestión dos empregados públicos

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia advertiu da “parálise, improvisación e desgoberno” que, segundo denunciou, caracterizan a xestión da Xunta no ámbito do emprego público.
A deputada Patricia Iglesias presentou unha proposición non de lei para reclamar un Plan Plurianual de Recursos Humanos que inclúa un mapa de necesidades, previsión de xubilacións e un calendario anual de concursos de traslados, iniciativa que foi rexeitada polo PP.
Iglesias urxiu á Xunta a desbloquear o concurso de traslados do corpo de servizos sociais e a permitir a toma de posesión dos funcionarios que conseguiron praza, un proceso que, segundo sinalou, afecta a máis de 300 traballadores públicos e que continúa paralizado.
A deputada socialista reclamou tamén un plan de dignificación das escalas de servizos sociais, con melloras salariais, recoñecemento da carreira profesional e estabilización das prazas, así como un reforzo da negociación colectiva e máis transparencia nas relacións laborais coa Mesa Xeral de Empregados Públicos.
Iglesias asegurou que a situación actual é consecuencia dunha “falta de xestión, planificación e estratexia” que converteu a Administración galega “nun campo de probas improvisado”, con concursos atrasados, prazas duplicadas e adscricións provisionais “eternas”. Tamén criticou que moitos profesionais con décadas de experiencia estean “relegados mentres se prioriza a discrecionalidade”.
“Cando un Goberno coma o galego esquece ás persoas, o que quebra non é un procedemento, é a confianza da cidadanía”, advertiu a parlamentaria.
Críticas á Lei de Acompañamento
Patricia Iglesias alertou tamén de que as modificacións incluídas na Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2026 non resolverán os problemas estruturais na xestión do persoal funcionario. Segundo explicou, a Disposición Transitoria Primeira desta norma “non corrixe a duplicidade de prazas, nin limita o abuso das adscricións provisionais e comisións de servizos, nin establece un calendario estable ou un sistema permanente de mobilidade”.
Para Iglesias, o Executivo galego mostra unha “falla de planificación, falla de estratexia e falla de orde” que está a provocar “desmotivación e colapso” entre o persoal público.