O Grupo Socialista alerta de que a desastrosa xestión da Xunta está a xerar unha “bola de neve” de esperas na sanidade pública

Elena Espinosa reclama un Plan de choque urxente para frear unhas listas de espera “indecentes” que seguen a medrar e poñen en risco o sistema sanitario galego.
Elena Espinosa
10 Oct 2025

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, alertou hoxe de que o “desastre” na xestión da sanidade pública por parte da Xunta está a provocar unha “bola de neve” con listas de espera “indecentes e que non paran de medrar”.

Logo de coñecer os datos oficiais das listas de espera en atención hospitalaria, Espinosa anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir un Plan de choque urxente diante da ameaza de colapso sanitario.

A deputada advertiu de que as listas de espera en intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas ou consultas especializadas “van de mal en peor”, segundo os datos correspondentes ao mes de xuño. En concreto, destacou que os tempos de espera en cirurxía “acumulan máis días que a finais do ano pasado e máis persoas agardando para ser operadas”, o que demostra que a xestión da Xunta “vai no sentido contrario” das necesidades do sistema público.

Espinosa asegurou que “estamos fartas da autocompracencia de Rueda e do autobombo do conselleiro de Sanidade”, e reclamou respostas urxentes para blindar o sistema sanitario galego. Así mesmo, insistiu na necesidade de reforzar a atención hospitalaria e a Primaria, mellorar as condicións laborais do persoal sanitario e aumentar os cadros de persoal para garantir unha atención en condicións e reducir as esperas que, advertiu, “ameazan con afundir o sistema”.

⚙ Configurar cookies
0.29862689971924