O Grupo Socialista critica a “falla de autocrítica” da conselleira do Medio Rural tras a peor vaga de lumes rexistrada en Galicia

A portavoz socialista de Agricultura, Lara Méndez, advertiu que os orzamentos de Medio Rural para 2026 “non responden ás necesidades do sector” e evidencian “a perda de peso” da Consellería, logo da peor vaga de lumes que se lembra en Galicia.
lara-mendez-psdeg
29 Oct 2025

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou este martes a “absoluta falla de autocrítica” por parte da conselleira de Medio Rural logo da peor vaga de lumes rexistrada en Galicia. A deputada fixo estas declaracións durante a presentación dos orzamentos da Consellería para 2026, que cualificou como “un sudoku, un baile de cifras” dunha área que “perde peso” e “non vai atender ás necesidades reais do rural galego”.

Méndez advertiu de que estas contas “abocan ao fracaso do modelo e da planificación” tamén no ámbito forestal, cun orzamento “lonxe do necesario” para poñer en marcha as 123 medidas da Comisión de Estudo da Política Forestal aprobadas en 2018. A parlamentaria lamentou que o Goberno galego siga sen constituír un corpo único, profesional e público de brigadas forestais, nin desenvolver un plan efectivo de pastos e xestión da biomasa.

A socialista denunciou tamén a “falla de ambición” do Executivo autonómico, que continúa sen elaborar un plan extraordinario de recuperación e prevención de lumes. Segundo afirmou, as medidas anunciadas limítanse a “mover partidas dun programa a outro para cadrar as contas e dicir que soben un 0,6 %”. O resultado, engadiu, é un orzamento “case igual ao do ano pasado” e moi inferior ao crecemento do 2 % do conxunto da Xunta, o que “evidencia a perda de peso da Consellería”.

Méndez criticou que a titular de Medio Rural “pinte números no papel que logo nunca executa”, lembrando que durante o verán só se executara o 28 % do programa de accións preventivas e infraestruturas forestais, o que se traduceu no “peor agosto que se lembra en Galicia”.

Ademais, alertou de recortes en partidas clave para a dinamización do rural e a prevención dos incendios: a de fixación da poboación ao medio rural baixa preto de 1,5 millóns de euros, mentres o programa de modernización e diversificación do tecido produtivo perde 8,3 millóns, a de benestar animal redúcese en 13 millóns e a de implantación de sistemas produtivos agrarios, en 6,5 millóns.

⚙ Configurar cookies
0.33266305923462