O Grupo Socialista denuncia a opacidade da Sociedade Impulsa e reclama unha estratexia contra a corrupción

Patricia Iglesias anuncia que o Grupo Socialista solicitará todos os expedientes relacionados coa Sociedade Impulsa e recorrerá á Comisión Galega de Transparencia se é necesario.
Patricia Iglesias
7 Jul 2025

O Grupo Socialista denuncia a opacidade da Sociedade Impulsa e reclama unha estratexia contra a corrupción: “Advertímolo dende o primeiro día, algo cheiraba mal”

O Grupo Socialista denuncia a falta de transparencia e o escurantismo que envolve a Sociedade Impulsa Galicia, empresa mixta creada pola Xunta da que non se coñecen actividades claras desde a súa creación e na que se detectan posibles irregularidades. A deputada Patricia Iglesias lembra que "advertimos dende o primeiro día que algo cheiraba mal", sinalando que moitos dos escándalos coñécense grazas ao traballo dos medios e non da Xunta.

Impulsa Galicia, segundo denuncia, naceu cun memorando confidencial sobre o proxecto de Altri, sen acceso público nin control parlamentario. “Non cumpriron o artigo 9 da Lei de Transparencia, e iso xa é un síntoma moi grave”, asegurou Iglesias.

Ante esta situación, o Grupo Socialista solicitará todos os expedientes relativos a Impulsa e a entidades como Recursos de Galicia, incluíndo contratos, informes técnicos, convenios, actas e calquera documento que poida demostrar a súa xestión. “Recorreremos ao Portal de Transparencia, e se non responden, á Comisión Galega de Transparencia. Se persiste o silencio, estudaremos vías xudiciais por vulneración da lei”.

Iglesias advirte que Galicia segue á cola en transparencia segundo o Índice Europeo de Calidade de Goberno, e que o PP leva máis de quince anos sen avanzar en rexeneración democrática. Reclama que se cumpran as recomendacións do Consello de Contas sobre prevención da corrupción, integridade institucional, regulación de portas xiratorias e lobbies, e elaboración dun plan de riscos.

“Non imos permitir que Impulsa se converta no novo exemplo de porta xiratoria, favores e intereses cruzados. Galicia merece claridade, non unha sociedade que opera baixo o paraugas da opacidade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.22679805755615