O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que desbloquee a tramitación da Lei de Incendios de Galicia

A portavoz de Política Forestal do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta, denuncia que a improvisación substitúe á planificación e reclama á Xunta que cumpra coa súa obriga de presentar este ano a Lei Galega de Loita Integral contra os Incendios Forestais.
Carmen Rodriguez Dacosta
1 Sep 2025

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta que desbloquee a tramitación da Lei Galega de Loita Integral contra os Incendios Forestais. A norma, anunciada en 2021, permanece bloqueada dende o 7 de xuño de 2023, data na que rematou o proceso de consulta pública.

Rodríguez Dacosta denunciou que a falla dunha lei integral é “a demostración máis clara da falla de vontade política dun goberno máis preocupado pola propaganda que pola xestión real”. Criticou que, na práctica, “a improvisación substituíu á planificación e a inacción deixou en evidencia a falta de compromiso do PP coa defensa do territorio e coa seguridade da cidadanía”.

A socialista lembrou que o Plan Forestal de Galicia xa advertía na súa última revisión que a lei debería terse presentado en 2025 como prazo máximo, “pero segue sen ver a luz”. Por este motivo, considera que o desleixo do goberno galego deixou a Galicia “sen unha ferramenta fundamental para afrontar o maior desafío ambiental, social e económico do medio rural”.

Tamén esixiu “explicacións e compromisos concretos” ao executivo autonómico, ao que acusa de “anos enganando á sociedade con anuncios baleiros” que derivaron na peor vaga de lumes do século. Reclamou que a Xunta presente antes de que finalice o ano o proxecto de lei.

Ademais, pediu unha tramitación “transparente e participativa”, coa incorporación de concellos, comunidades de montes, organizacións profesionais, mundo académico, colectivos sociais e partidos políticos. A norma, engadiu, debe contar cun orzamento estable e suficiente, recursos humanos e técnicos, así como un calendario vinculante con medidas concretas de prevención, ordenación forestal, profesionalización dos equipos e recuperación das zonas queimadas.

Finalmente, subliñou que a lei debe garantir a coherencia co Plan Forestal de Galicia para configurar un modelo integral de xestión forestal e defensa contra os incendios, deixando atrás “a improvisación e a propaganda” que atribúe á acción da Xunta.

⚙ Configurar cookies
0.23623704910278