O Grupo Socialista esíxelle á Xunta un plan de axudas directas para as familias mariscadoras afectadas polo peche biolóxico en Arousa

A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle este luns á Xunta de Galicia un plan de axudas directas e específicas para as familias mariscadoras afectadas polo peche biolóxico de seis meses decretado polo Goberno galego. A responsable socialista fixo este chamamento durante un encontro na Illa de Arousa con alcaldes e portavoces socialistas da comarca para reclamar apoio a un sector “do que dependen milleiros de familias”.
Castro reclamou ao Executivo galego que “asuma a súa responsabilidade institucional, social e ambiental coa ría de Arousa”, e advertiu que “precisa compromiso, investimento e planificación, non atrasos nin promesas baleiras”.
A portavoz socialista instou á Xunta a activar “xa” os instrumentos legais e financeiros necesarios, porque “sen axudas non hai futuro, e sen apoio non hai marisqueo”.
En concreto, reclamou compensacións económicas para facer fronte ao peche decretado o pasado 26 de setembro, que afecta aos bancos de libre marisqueo de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla, os máis importantes da ría. Sinalou que o sector aceptou a medida “con responsabilidade”, pero lembrou que “non se pode asumir un peche sen compensación económica”, o que suporía “a condena definitiva” para centos de familias.
A socialista denunciou que a Xunta decretou o peche “sen plan de axudas, nin calendario de pagamentos, nin compromiso firme cos profesionais afectados”, convertendo un problema ambiental “nun drama social e económico”. O cesamento temporal afecta, segundo explicou, a ata 1.200 familias de marisqueo a pé e outras 300 de marisqueo a flote.
O PSdeG propón a creación dun plan de axudas compensatorias, cofinanciado con fondos FEMPA, que inclúa prestacións por cesamento de actividade para os meses de outubro a decembro, e compensacións adicionais de xaneiro a marzo do próximo ano para cubrir os custos fixos e garantir a viabilidade das confrarías e dos profesionais.
Finalmente, Castro reclamou un calendario concreto de pagos e a creación dun Comité de Seguimento con participación do sector, que supervise a aplicación das medidas e avalíe o estado dos bancos durante o período de peche.
As declaracións tiveron lugar tras un encontro con Luis Arosa, alcalde da Illa; Samuel Lago, alcalde de Cambados; e os portavoces socialistas de Vilagarcía, Vilanova e Ribadumia.