O Grupo Socialista esíxelle ao PP que apoie a oficialidade do galego na UE e asuma que “Galicia é máis que unha provincia obediente de España”

A portavoz socialista Silvia Longueira desmontou no Parlamento o argumento do PP sobre o custo económico da oficialidade do galego na UE, asegurando que suporía unha “migalla” de 44 millóns anuais fronte aos 180.000 millóns de orzamento comunitario, e que reportaría un retorno de ata 260 millóns para o PIB galego.
Besteiro
6 Nov 2025

A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle hoxe ao conselleiro de Cultura que apoie o recoñecemento do galego como lingua oficial na Unión Europea. Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, Longueira rebateu o argumento económico que o PP emprega para opoñerse á medida, lembrando que o custo anual sería de 44 millóns de euros, unha “migalla” dentro dos 180.000 millóns de orzamento da UE.

A deputada subliñou que a oficialidade do galego tería un retorno económico de entre 165 e 260 millóns de euros para o PIB galego, grazas ao incremento da proxección internacional, o impulso á industria cultural e editorial, e a creación de entre 300 e 500 empregos cualificados.

Longueira cualificou a postura do PP de “complexada e submisa”, e acusouno de “non querer pagar o prezo político de recoñecer que Galicia é máis que unha provincia obediente de España”. Criticou tamén que o mesmo PP que en Galicia aprobou unha proposición non de Lei para reclamar a cooficialidade do galego na UE, bloquea o acordo en Bruxelas.

A socialista incidiu en que o galego comparte raíces co portugués e podería abrir as portas dunha comunidade de máis de 250 millóns de falantes lusófonos. Ademais, defendeu que o recoñecemento oficial tería un forte efecto identitario e de cohesión social, favorecendo incluso o retorno de moza emigración cualificada se vai acompañado de políticas de innovación e emprego en galego.

Concluíu que o custo da oficialidade é “ínfimo” comparado co valor simbólico, cultural e económico que suporía “recoñecer Galicia como parte activa de Europa, darlle dignidade institucional á nosa lingua e abrir oportunidades no espazo lusófono e na tradución internacional”.

⚙ Configurar cookies
0.29574799537659