O Grupo Socialista pide á Xunta poñer en marcha un Banco Público de Aluguer que garanta prezos xustos e confianza entre propietarios e inquilinos

Aitor Bouza alerta de que o Goberno galego leva sen executar o 95 % dos fondos destinados ao acceso á vivenda neste 2025 e acumula 270 millóns sen gastar dende 2009
Aitor Bouzas
22 Oct 2025

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia a posta en marcha do Banco Público de Aluguer, unha proposta presentada polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que ten como obxectivo promover prezos de alugueiro asequibles e ofrecer garantías tanto aos propietarios como ás persoas inquilinas.

Bouza, que defenderá mañá no Parlamento unha proposición non de lei neste sentido, acusou ao Goberno galego de “16 anos de desleixo en materia de vivenda pública”, lembrando que o executivo presidido por Emilio Pérez Touriño construíra máis de 7.000 vivendas entre 2005 e 2009, fronte ás cifras actuais da Xunta.

Segundo denunciou, o Executivo galego deixou sen executar o 70 % dos fondos de vivenda en 2024 e vai polo mesmo camiño este ano, cun 95 % dos fondos aínda sen gastar. Desde 2009, engadiu, acumúlanse 270 millóns de euros orzamentados e non investidos, unha situación que cualificou de “incomprensible” tendo en conta que “a vivenda é un dos principais problemas sociais de Galicia”.

Bouza criticou tamén o rexeitamento da Xunta aos 380 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda impulsado polo Goberno central, unha iniciativa que, segundo explicou, “permitiría construír máis de 4.000 vivendas protexidas en Galicia, a maior aposta pública neste eido en 40 anos”.

O deputado socialista advertiu que 22.680 familias están rexistradas como demandantes de vivenda pública mentres medio millón de vivendas baleiras seguen sen uso, segundo datos do INE. “O mercado non se autorregula cando hai desigualdade, especula, e a Xunta consinte”, afirmou.

O Banco Público de Aluguer, propón, debe servir para incrementar a oferta de alugueiro a prezos asumibles, protexer os dereitos das persoas inquilinas e dar seguridade xurídica aos propietarios. O sistema incluiría garantías fronte a impagos e danos, e establecería prezos máximos equivalentes ao 30 % da renda media dispoñible, con contratos de longa duración.

Bouza pediu tamén campañas informativas para animar ás persoas propietarias de vivendas baleiras a incorporarse ao programa e contribuír a “dar fogar a milleiros de galegos e galegas que hoxe non poden acceder a unha vivenda digna”.

⚙ Configurar cookies
0.3086371421814