O Grupo Socialista propón un Plan estratéxico para frear a desertización do rural galego

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, lamentou este martes o rexeitamento do PP a unha moción que propoñía un Plan estratéxico para combater a desertización do rural. A iniciativa socialista alertaba da perda de poboación no interior de Galicia e da necesidade de adaptar os servizos públicos para atender aos máis de 700.000 galegos e galegas maiores de 65 anos.
Longueira reclamou á Consellería de Política Social que presente un plan de choque con obxectivos concretos, datas e financiamento, co fin de frear o despoboamento do territorio. Lembrou que o 97 % da poboación galega reside no 34 % do territorio, mentres que o 66 % do espazo restante conta só co 3 % da poboación. Por iso, pediu unha “visión espacial do territorio” e unha ordenación do asentamento poboacional “sen mirar a cor política”.
A deputada criticou a “ausencia de resultados da suposta política demográfica da Xunta” e advertiu de que o leve crecemento poboacional actual débese unicamente aos fluxos migratorios. Solicitou que, nun prazo de tres meses, a Xunta presente un informe de avaliación das medidas adoptadas ata o momento para loitar contra a desertización.
Ademais, Longueira reclamou a elaboración dun cronograma de planificación dos servizos públicos, en coordinación cos concellos, para garantir a atención á poboación maior, que representa xa máis dun cuarto da cidadanía galega.