O Grupo Socialista reclama axudas directas para menores

A portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle á Xunta que poña enriba da mesa axudas económicas directas para garantir o acceso universal ao deporte. Castro interveu na comparecencia do secretario xeral para o Deporte na Comisión Institucional do Parlamento, a quen lle reclamou apoio para que ningún menor teña que renunciar á práctica deportiva por motivos económicos.
A responsable socialista esixiu o recoñecemento do deporte “como un dereito esencial para toda a cidadanía”, polo que a administración autonómica debe ter a obriga de garantir o acceso ao exercicio físico en condicións de igualdade, seguridade e dignidade. Advertiu que a falla de recursos provoca a “exclusión silenciosa” de moitos rapaces e rapazas do sistema deportivo, impedindo o seu acceso a unha ferramenta de integración social fundamental.
Castro propuxo unha liña de axudas directas para familias empadroadas en Galicia, con límites de renda e por número de menores federados por familia fixados pola Xunta, pero que cubran total ou parcialmente os gastos de material deportivo ou cotas de inscrición. Reclamou apoio para facer fronte a uns gastos que poden supoñer entre 300 e 500 euros por menor federado, segundo a práctica deportiva, que en moitos casos constitúen un obstáculo insuperable sen axuda pública.
Igualdade no deporte
A parlamentaria socialista reclamou un Plan de Impulso do deporte feminino cunha partida mínima de 1,5 millóns de euros co obxectivo de que as mulleres “ocupemos o espazo que nos pertence” tamén na práctica deportiva. Esta medida, presentada polo Grupo Socialista como emenda aos orzamentos e rexeitada polo PP, permitiría cumprir coas obrigas que fixa a Lei de Igualdade de Galicia.
Advertiu da baixa presenza feminina no deporte federado, xa que as mulleres representan só o 23,5 % das preto de 300.000 persoas deportistas federadas en Galicia, e emprazou a abrir o espazo para impulsar tamén a presenza equilibrada de mulleres nos órganos de goberno. Reclamou ademais a creación e adaptación de infraestruturas e servizos que promovan o acceso igualitario á práctica deportiva, así como formación específica do persoal técnico-deportivo.
Castro chamou tamén a potenciar a imaxe da muller no deporte a través dos medios de comunicación, impulsando un Plan de igualdade nos medios públicos que garanta maior visibilidade das competicións deportivas femininas e a formación dos redactores e redactoras da sección de deportes en materia de igualdade para incorporar a perspectiva de xénero nas informacións.
Condicións meteorolóxicas
Finalmente, Castro emprazou ao director xeral a coordinarse coa Dirección Xeral de Emerxencias para garantir a seguridade na práctica de deportes acuáticos dentro das rías en condicións de mal tempo relativo por parte de persoas federadas en disciplinas como surf, vela ou piragüismo. Tamén urxiu á posta en marcha dun Plan estratéxico de infraestruturas deportivas para garantir instalacións modernas e especializadas en Galicia.