O Grupo Socialista reclama cambios urxentes na normativa do SAF para garantir a seguridade das traballadoras

A deputada socialista Silvia Longueira reuniuse este xoves con representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para abordar a situación de risco que sofren a diario as profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e expresar o apoio e compromiso do Grupo Socialista cun cambio inmediato na normativa. No encontro participaron a presidenta do colexio, Míriam Rodríguez; a vicepresidenta, Ana Vilar; e o coordinador, David Gontán.
“O que pasou no Porriño foi un crime que se puido evitar, pero o máis preocupante é que non foi un feito illado”, advertiu Longueira. As traballadoras, explicou, levan anos alertando da falta de protección: acceden soas aos domicilios, en ocasións sen información previa, e mesmo cando detectan situacións de risco deben continuar co servizo ata recibir instrucións da administración.
A normativa actual –a Orde do 22 de xaneiro de 2009– obriga a adaptar o servizo ao programa individual de atención da persoa usuaria, sendo a Xunta quen decide calquera suspensión. Isto impide aos concellos actuar de forma autónoma en situacións urxentes, especialmente nos casos vencellados á dependencia.
O PSdeG presentará iniciativas parlamentarias para modificar esta regulación e habilitar ferramentas que permitan intervir de forma inmediata ante sinais evidentes de perigo. “Non é razoable que teñan que seguir prestando un servizo en condicións de risco. É unha cuestión de seguridade e de dignidade profesional”, recalcou Longueira.
A deputada reclama tamén á Xunta a creación dunha mesa de diálogo coa participación dos concellos e dos colexios profesionais para revisar o funcionamento do SAF e establecer un protocolo máis áxil e eficaz. “A coordinación entre administracións é fundamental, pero tamén o recoñecemento da experiencia e das demandas das profesionais, que deben ter voz directa nas solucións”, concluíu.