O Grupo Socialista reclámalle a Rueda medidas de coordinación e eficiencia

A portavoz socialista de Economía, Patricia Iglesias, advirte de que os informes do Consello de Contas sobre a xestión dos fondos europeos son “demoledores” e alertan dunha execución inferior ao 50 %
patricia-iglesias-psoe
6 Feb 2026

A portavoz socialista de Economía no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reclamoulle ao Goberno de Alfonso Rueda a posta en marcha de medidas que melloren a coordinación e a eficiencia na xestión dos fondos europeos, co obxectivo de evitar que máis do 50 % destes recursos queden sen executar.

Iglesias fixo esta reclamación durante unha intervención na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, na que criticou o baixo nivel de execución das axudas procedentes da Unión Europea. A deputada recordou que o Consello de Contas vén advertindo “ano tras ano” desta situación e sitúa a execución por debaixo do 50 %, o que implica que quedan sen gastar 5,50 euros de cada 10 orzados.

Segundo explicou, esta realidade reflíctese en datos como que no 40 % dos 448 proxectos con financiamento europeo xestionados pola Xunta non se realizou nin un só pagamento durante todo un exercicio. Uns informes que cualificou de “demoledores”.

A deputada socialista subliñou que Galicia é unha das comunidades autónomas que máis fondos NextGeneration recibiu, cun volume próximo aos 4.000 millóns de euros. “O problema non é cantos cartos chegan; o problema é cantos é capaz de xestionar a Xunta, como lle corresponde”, afirmou.

Patricia Iglesias sinalou como unha das causas principais desta situación a falta de coordinación na xestión dos fondos europeos, nun esquema que cualificou de “confuso” e no que o Comité de Fondos Europeos da Xunta está “practicamente inédito” desde a súa creación.

Como exemplo do “caos” na xestión, lembrou que a Xunta tivo que devolver 55 millóns de euros da Política Agraria Común por non ser quen de executalos en prazo, unha situación que cualificou de “dubidosa honra”.

A deputada explicou que os distintos departamentos da Administración autonómica funcionan “como illas” na xestión dos fondos europeos, tanto dos NextGeneration como doutros programas como Feder, FSE, Feader, Fempa ou Interreg, sen coordinación nin relación operativa entre eles. Tamén criticou a creación dunha estrutura paralela para os fondos NextGeneration vinculada á Consellería de Economía e Industria, que cualificou de “absolutamente fracasada”.

Segundo Iglesias, esta situación tradúcese en departamentos estancos, programas solapados, convocatorias mal deseñadas, falta de persoal especializado e ausencia dunha estratexia real de xestión.

A esta falta de coordinación sumou a “nula vontade de xestión compartida” do Goberno galego, que reclama ao Estado participar na xestión dos fondos pero nega esa mesma participación ás entidades locais. De feito, os concellos recibiron menos do 2 % dos fondos europeos que chegaron a Galicia, unha porcentaxe inferior á de 2016.

A deputada advertiu tamén do “atraso xeral” na execución dos proxectos do marco 2021-2027, con reasignacións financeiras desde 2021 e atrasos na planificación que dificultan que os fondos cheguen á economía real.

Por todo iso, reclamoulle á Xunta que faga “propósito de emenda” e poña en marcha unha estratexia global de coordinación da xestión dos fondos europeos, centralizada nun único organismo público e con participación das entidades locais. “Mentres a Xunta non cambie o modelo, Galicia seguirá perdendo oportunidades, emprego e futuro”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.30045700073242