O Grupo Socialista urxe á Xunta a iniciar un Plan de Choque para reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes de Galicia

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha proposición non de lei -que será votada mañá mércores- para reclamarlle á Xunta a posta en marcha dun Plan de Choque que permita diminuír a fenda salarial entre mulleres e homes en Galicia. Dacosta instou ao goberno galego a "deixar de mirar para outro lado" fronte ás discriminacións xeneralizadas que padecen as mulleres galegas no eido laboral.
A deputada reclamou romper coa fenda de xénero mediante medidas que contribúan a establecer un marco laboral de calidade, combatendo a desigualdade de acceso ás diferentes ocupacións e fomentando a incorporación das mulleres nos sectores tradicionalmente masculinizados. Advertiu que, malia que hai máis mulleres que homes en Galicia, elas seguen rexistrando maior desemprego, menor ocupación e peores salarios.
Unha fenda de xénero alarmante
Dacosta sinalou que 7,5 de cada 10 empregos a tempo parcial son ocupados por mulleres, que ademais asumen o 92,4 % dos contratos a tempo parcial por coidados familiares. Ademais, alertou sobre unha dobre discriminación que afecta ás mulleres galegas, xa que teñen peores condicións non só polo feito de ser mulleres, senón tamén por ser galegas, pois perciben un salario inferior á media das mulleres no Estado español.
Segundo explicou, as mulleres galegas cobran un 18 % menos que os homes, o que supón unha perda de 5.000 euros anuais. Ademais, Galicia ocupa o segundo posto en peor retribución por hora traballada en todo o Estado. Esta situación provoca que as mulleres galegas perciban hoxe un salario medio similar ao que os homes tiñan hai 13 anos, perpetuando así a desigualdade e aumentando o risco de pobreza e exclusión social.
Un Plan de Choque contra a desigualdade
Carmen R. Dacosta chamou a combater, con datos e argumentos, os discursos negacionistas que cuestionan a existencia da fenda salarial e, en consecuencia, a necesidade de políticas que garantan a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Por este motivo, instou á Xunta a elaborar un Plan de Choque que inclúa medidas como:
- Reducir a fenda salarial con accións concretas para garantir a igualdade retributiva.
- Establecer un marco laboral de calidade, combatendo a desigualdade de acceso ás diferentes ocupacións.
- Impulsar a incorporación das mulleres a sectores masculinizados, fomentando a formación e a contratación.
- Poñer en marcha máis e mellores políticas activas de emprego con perspectiva de xénero.
- Loitar contra a segregación ocupacional, garantindo igualdade de oportunidades.
- Fomentar a corresponsabilidade mediante medidas que promovan a implicación dos homes nos coidados familiares.
- Investir en educación en igualdade, con programas formativos para a mocidade e accións de sensibilización nas empresas.
A responsable socialista puxo en valor as propostas das organizacións sindicais, que coinciden na necesidade de reforzar as políticas de emprego con perspectiva de xénero, asegurando un acceso igualitario ao traballo e á conciliación.