O IES Saturnino Montojo de Ferrol gaña a primeira Liga escolar de debate da Xunta

Un total de 60 alumnos de 15 institutos de toda Galicia participan no programa, que se desenvolve en tres fases
ies-montojo-ferrol-debate
29 May 2026

O Instituto Saturnino Montojo (Ferrol) proclamouse hoxe gañador da I Liga escolar de debate impulsada pola Xunta de Galicia, mentres que o IES Xulián Magariños (Negreira) foi subcampión. A fase final desenvolveuse hoxe no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, na Coruña, ata onde se achegou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, para felicitar o alumnado participante polo seu traballo neste certame.

Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o titular do departamento educativo da Xunta destacou o traballo tanto dos estudantes como dos profesores que se prestaron a preparalos para este concurso. Así mesmo, agradeceu a implicación dos 15 centros e 60 alumnos participantes ao longo das tres fases desta liga.

Román Rodríguez lembrou que esta iniciativa enmarcada dentro das accións da Consellería de Educación para o reforzo da competencia lectora a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. “Trátase dunha actividade pensada para que o alumnado prepare os temas e traballe a súa oratoria e a exposición e defensa de argumentos, ao tempo que fomentamos o diálogo, a resolución pacífica das discrepancias e o traballo en equipo”, salientou. “Esta primeira edición foi un éxito que demostrou as aptitudes de todos os rapaces participantes e a súa capacidade de enfrontarse a novos desafíos”, dixo.

O equipo gañador do certame, composto por Inés Toimil, Martina Santorum, Lada Zulinska, Mariana González, Carmen Hermida e Sara Pérez, recibe un distintivo especial. Ademais, o profesorado participante obtén certificacións de innovación educativa.

0.320876121521