O IGFAE reúne en Santiago o seu comité asesor coa presenza de Francis Halzen, Nobel de Física 2026

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, celebra esta semana en Santiago de Compostela unha reunión do seu Comité Científico Asesor (Scientific Advisory Board, SAB), que conta coa participación de Francis Halzen, galardoado co Premio Nobel de Física 2026 polo seu papel como impulsor do observatorio de neutrinos IceCube.
O comité, integrado por seis figuras de recoñecido prestixio internacional en diferentes ámbitos da física, mantén varias reunións de traballo co persoal investigador do instituto para avaliar a súa actividade científica e definir as liñas estratéxicas dos próximos anos.
Entre os asuntos que se abordarán figuran o proceso de selección da nova dirección do IGFAE, actualmente en marcha, e o desenvolvemento das novas liñas de investigación en ciencia e tecnoloxía cuánticas e cosmoloxía.
As sesións comezaron este xoves coa presentación do informe do director do centro, Carlos Salgado, no que se repasaron os principais avances dos últimos anos, entre eles a renovación das acreditacións como Unidade de Excelencia María de Maeztu e da rede CIGUS, así como a apertura da nova sede. A continuación, os equipos das áreas de astropartículas e física nuclear expuxeron os resultados e os obxectivos dos seus respectivos programas de investigación.
O programa incluíu tamén un encontro co persoal investigador predoutoral e posdoutoral, que puido intercambiar impresións cos membros do comité sobre o ambiente de traballo e as perspectivas científicas e formativas nas primeiras etapas da carreira investigadora.
A xornada completouse cunha visita ás novas instalacións do instituto e coa presentación das últimas incorporacións ao IGFAE, realizadas a través do programa propio de captación Global Talent e de convocatorias competitivas como Ramón y Cajal, Junior Leader da Fundación ”la Caixa” e as bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación.
A actividade continuará este venres coa recepción da reitora da USC, Rosa Crujeiras, ao Nobel Francis Halzen no Colexio de San Xerome. Posteriormente, o Reitorado acollerá unha reunión entre o comité asesor e a Xunta de Goberno do IGFAE, principal órgano de decisión do centro, no que están representadas a universidade e a Administración autonómica.
O traballo do comité concluirá cunha reunión interna da que sairán as avaliacións e recomendacións que orientarán a estratexia do instituto nos vindeiros anos, así como o informe preceptivo para o proceso de selección da nova dirección. Estas avaliacións externas constitúen unha peza fundamental no funcionamento do IGFAE, xa que permiten analizar o cumprimento dos obxectivos científicos e dos programas de investigación e establecer as prioridades para manter o centro como referente internacional na súa área.
Seis referentes internacionais na física
Ademais de Francis Halzen, forman parte do Comité Científico Asesor outras cinco figuras destacadas da investigación internacional. Entre elas atópase Sergio Bertolucci, profesor da Universidade de Boloña e director científico do CERN entre 2009 e 2015.
Tamén participa Barbara Erazmus, directora de investigación do Centro Nacional de Investigación Científica francés (CNRS), directora adxunta de NuPECC e portavoz da colaboración ALICE do CERN entre 2020 e 2022.
Completa o comité Paolo Giubellino, presidente da Comisión Científica Nacional III do Instituto Nacional de Física Nuclear italiano e director científico de GSI-FAIR entre 2017 e 2024; Gabriela González, profesora da Universidade Estatal de Luisiana e portavoz da colaboración LIGO entre 2011 e 2017; e Giulia Zanderighi, actual directora xeral do Instituto Max Planck de Física.
A presenza destes especialistas permite ao IGFAE contar cunha avaliación internacional independente da súa actividade e orientar o seu desenvolvemento científico e investigador de cara aos próximos anos.