O Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié presentan o ALGa dixital

A nova plataforma ofrece preto de 900 mapas interactivos, con acceso aberto en liña e coa posibilidade de descarga de todos os datos
presentacion-algo-dixital
26 Nov 2026

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié presentaron o ALGa dixital, unha nova plataforma web que pon ao alcance da comunidade investigadora e universitaria e da cidadanía en xeral unha parte substancial dos materiais do Atlas Lingüístico Galego (ALGa). No acto participaron a reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; a directora do Instituto de Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández, e o director do proxecto, o profesor Xulio Sousa.

O proxecto do ALGa comeza na década dos anos 70 do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na colección Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos 90, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.

O actual proxecto do ALGa dixital supón un salto cualitativo na difusión e aproveitamento dun dos recursos científicos máis importantes para o coñecemento da lingua galega e da súa diversidade territorial. A iniciativa, desenvolvida grazas ao mecenado da Fundación Barrié, incorpora ao ámbito das humanidades dixitais décadas de investigación lingüística e permite acceder dunha forma áxil e intuitiva á información que ata o de agora estaba dispoñible fundamentalmente a través dos volumes impresos do Atlas.

O Atlas Lingüístico Galego constitúe unha das investigacións máis ambiciosas realizadas sobre a lingua galega. Entre 1974 e 1977, un equipo do Instituto da Lingua Galega percorreu o territorio galego e as áreas galegofalantes limítrofes para documentar sistematicamente as formas de falar de centos de informantes. A través dun cuestionario de preto de 3.000 preguntas, recompilouse unha enorme cantidade de información sobre a pronuncia, a gramática e o vocabulario empregados nas diferentes comarcas. O resultado dese esforzo colectivo foi a creación dun arquivo lingüístico de valor excepcional e a posterior publicación dos volumes do ALGa, unha obra de referencia para a dialectoloxía galega e románica. Os materiais recollidos ofrecen unha imaxe detallada da diversidade lingüística do país nun momento histórico de grande interese, anterior ás profundas transformacións sociais e culturais experimentadas nas últimas décadas.

Co ALGa dixital, ese patrimonio documental adquire unha nova dimensión. A plataforma permite consultar e visualizar de maneira interactiva unha ampla selección dos materiais xa publicados, convertendo os mapas tradicionais do atlas nun recurso dinámico e adaptable ás necesidades de cada usuario, sexa experto ou curioso. A aplicación organiza os contidos arredor de tres grandes bloques temáticos: fonética, morfosintaxe e léxico. Desde calquera destes ámbitos é posible localizar fenómenos concretos e observar a súa distribución xeográfica mediante mapas interactivos. A primeira versión da ferramenta incorpora arredor de novecentos mapas, representativos da amplitude temática e territorial do proxecto.

Entre as principais novidades da plataforma destaca a súa capacidade de personalización. Os usuarios poden seleccionar variantes específicas, modificar a visualización dos datos, activar ou ocultar información e adaptar a representación cartográfica ós seus propios intereses. Esta flexibilidade facilita non só a consulta puntual, senón tamén a comparación e interpretación dos fenómenos lingüísticos desde perspectivas diferentes. A ferramenta incorpora ademais información complementaria para contextualizar cada mapa e cada fenómeno analizado. Deste xeito, o usuario pode acceder tanto á representación territorial das variantes como ós datos complementarios asociados, o que favorece unha comprensión máis completa da información lingüística.

Outro dos elementos destacados do ALGa dixital é a integración da dimensión xeográfica do proxecto. A plataforma permite coñecer as localidades investigadas e a súa localización dentro do dominio lingüístico galego, o que contribúe a contextualizar os datos e a comprender mellor a distribución espacial das distintas formas lingüísticas documentadas. A creación deste recurso sitúa o Atlas Lingüístico Galego na liña das iniciativas internacionais máis innovadoras no ámbito da xeolingüística e das humanidades dixitais. Nos últimos anos, numerosos proxectos de atlas lingüísticos foron incorporando ferramentas web para facilitar o acceso á información e potenciar novas formas de análise. O ALGa dixital insírese plenamente nesta tendencia, poñendo a disposición da sociedade un recurso actualizado, accesible e tecnoloxicamente avanzado.

Múltiples funcionalidades

O impacto potencial da plataforma esténdese a múltiples ámbitos. Para a investigación, constitúe unha ferramenta que facilita a consulta e explotación dos datos lingüísticos. Para o ensino, ofrece un recurso visual e interactivo especialmente útil para abordar a diversidade dialectal desde unha perspectiva innovadora. Para a divulgación, supón unha oportunidade para achegar á cidadanía o coñecemento da riqueza lingüística galega e da súa distribución territorial.

A plataforma contribúe tamén á preservación e valorización do patrimonio inmaterial de Galicia. Os datos recollidos no marco do ALGa documentan formas lingüísticas, denominacións tradicionais e variantes locais que forman parte da memoria colectiva das comunidades galegofalantes. A súa difusión a través dun soporte dixital garante unha maior accesibilidade e favorece novas formas de transmisión e coñecemento deste legado. O que comezou como unha das maiores campañas de recollida de datos lingüísticos realizadas en Galicia convértese agora nun recurso aberto e interactivo, preparado para responder ás necesidades da investigación e da sociedade do século XXI.

Co ALGa dixital, o Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié reafirman o seu compromiso coa investigación, coa innovación e coa difusión do coñecemento. A nova plataforma transforma un patrimonio documental de enorme valor nun recurso vivo, accesible e en constante proxección cara ao futuro, facilitando que a diversidade da lingua galega poida ser coñecida, estudada e apreciada por públicos cada vez máis amplos.

0.22554492950439