O inventario de biodiversidade da Braña Rubia – Lagoa de Alcaián supera as 500 especies catalogadas

O Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Braña Rubia – Lagoa de Alcaián continúa a consolidarse como un dos enclaves de maior valor ecolóxico da comarca. Os últimos traballos de inventario realizados polo Grupo Naturalista Hábitat permitiron superar a barreira das 500 especies catalogadas, alcanzando un total de 506 especies de flora, fauna e fungos identificadas ata o momento.
Este novo fito pon de relevo a extraordinaria riqueza natural dun espazo que, máis de medio século despois do cesamento da actividade mineira, experimentou unha notable recuperación ambiental. A evolución do humidal converteuno nun importante refuxio para a biodiversidade galega e nun exemplo de rexeneración ecolóxica.
Segundo os datos recompilados polo Grupo Naturalista Hábitat, o catálogo elaborado inclúe máis de 200 especies de plantas, arredor dun cento de especies de fungos, 70 especies de aves, 20 especies de libeliñas, 65 especies de bolboretas e avelaíñas, 15 especies de coleópteros, 12 especies de anfibios, 10 especies de mamíferos e catro especies de réptiles, entre outros grupos biolóxicos.
Entre as especies rexistradas destaca a presenza da Centaurea ultreiae, un endemismo galego de especial interese científico que ten na Braña Rubia o único espazo protexido coñecido no mundo no que está presente.
Desde o Grupo Naturalista Hábitat sinalan que o inventario permanece en continua actualización e que nos vindeiros meses está previsto intensificar o estudo doutros grupos biolóxicos aínda insuficientemente coñecidos no espazo, como os morcegos, os briófitos ou diversos invertebrados acuáticos. Esta nova fase de traballo permitirá ampliar de maneira significativa o número de especies rexistradas.
Os traballos forman parte das accións de estudo e seguimento da biodiversidade que a entidade desenvolve na Braña Rubia – Lagoa de Alcaián co obxectivo de mellorar o coñecemento científico do espazo, favorecer a súa conservación e poñer en valor un dos humidais máis singulares do interior da provincia da Coruña.