O investigador da USC Adrián Sánchez Fernández recibe o Premio María Miguel 2026 da ECIS

O galardón concédese cada ano a un único especialista en Europa
adrian-sanchez-investigador-usc
28 Jul 2026

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela foi distinguido co Premio María Miguel 2026 da European Colloid and Interface Society (ECIS), un dos recoñecementos europeos dirixidos a persoal investigador novo cunha traxectoria independente e sobresaliente no ámbito da química de coloides e a ciencia interfacial.

O galardón, concedido cada ano a un único investigador en Europa, recoñece a orixinalidade, excelencia e autonomía científica da traxectoria de Adrián. O comité de selección destacou especialmente a súa capacidade para construír unha liña de investigación propia tras a súa etapa doutoral, desenvolvendo novas aproximacións no estudo de disolventes eutécticos para o autoensamblaxe de anfifilos, coloides biomoleculares e materiais brandos. As súas achegas evidencian o seu liderado científico e a súa capacidade para abrir novas vías no ámbito das formulacións sostibles e os materiais biomoleculares.

Tras completar o seu doutoramento na Universidade de Bath (Reino Unido) en 2018 e unha etapa posdoutoral na Universidade de Lund (Suecia), Adrián incorporouse ao CiQUS en 2022 coa axuda Marie Skłodowska-Curie da Unión Europea, poñendo en marcha un proxecto de investigación centrado en explorar o comportamento dos ácidos nucleicos en disolventes eutécticos e no desenvolvemento destes medios como contornas funcionais para a preservación de biomoléculas sensibles.

Actualmente, como investigador Ramón y Cajal, desenvolve diversos proxectos orientados a ampliar as funcións das biomoléculas máis alá das contornas acuosas convencionais. Como parte do Premio María Miguel 2026, Adrián impartirá unha conferencia plenaria na próxima reunión anual da ECIS, onde presentará os avances científicos que consolidaron a súa traxectoria na química de coloides e interfaces.

0.25714707374573