O Irixo acollerá a III Bullada de Outono o 4 de outubro con música e baile tradicional

O Irixo celebrará o vindeiro 4 de outubro a III Bullada de Outono, unha cita coa música e o baile tradicional organizada pola Banda de Gaitas e Danzas O Irixo e a Asociación de Gaiteiros do Irixo. O evento busca recuperar as bulladas que se realizaban antano, denominación popular co que se coñecían as foliadas na zona.
A agrupación invita a dar a benvida ao outono con cantos, bailes e brincadeiras nun serán que reunirá músicos e grupos da contorna e doutros puntos próximos.
A programación arrancará ás 18:00 h cun obradoiro de baile tradicional impartido por Ismael Rodríguez. A partir das 19:00 h terá lugar a foliada cos grupos convidados, que dará paso a unha foliada libre aberta a todo o público asistente.
Ao longo da bullada realizaranse sorteos con premios variados, para os cales xa se poden mercar rifas. Ademais, haberá postos de comida e bebida con propostas frías e quentes, incluíndo chocolate para combater o frío propio destas datas.
Como novidade, nesta terceira edición a organización cederá espazos a asociacións, organizacións e produtores locais, co obxectivo de dar visibilidade á diversidade cultural e deportiva do concello e fomentar o asociacionismo e o consumo de proximidade.