O Leyma inicia hoxe no Coliseum o asalto á ACB

O equipo coruñés mídese ao Palencia ás 17.30 horas na primeira semifinal da Final Four da Primeira FEB, da que sairá a última praza de ascenso á Liga Endesa
A CORUÑA basket coruña
Imaxe cedida del Club Básquet Coruña
6 Jun 2026

O Leyma Básquet Coruña afronta hoxe no Coliseum unha das citas máis importantes da súa tempada. O conxunto laranxa disputaralle ao Súper Agropal Palencia, ás 17.30 horas, a primeira semifinal da Final Four da Primeira FEB, unha fase decisiva na que catro equipos pelexan pola última praza de ascenso á Liga Endesa ACB.

O equipo coruñés chega a esta final a catro despois de superar ao Hestia Menorca nos cuartos de final do playoff. Agora, co factor ambiente ao seu favor e o Coliseum como escenario, o Leyma buscará dar o primeiro paso cara a un regreso á máxima categoría do baloncesto estatal.

A eliminatoria non deixa marxe de erro. O vencedor do Leyma-Palencia xogará este domingo, ás 19.00 horas, a final polo ascenso contra o gañador da segunda semifinal, que enfrontará hoxe ás 20.15 horas ao Movistar Estudiantes e ao Alimerka Oviedo.

A Final Four converte esta fin de semana A Coruña no epicentro da Primeira FEB. Ademais do valor deportivo, a cita terá un forte compoñente emocional para unha afección que soña con ver de novo ao Leyma na ACB e que acompañará ao equipo nunha tarde na que cada posesión pode marcar o camiño da tempada.

O torneo foi presentado este venres no Palacio de María Pita nun acto institucional presidido pola alcaldesa, Inés Rey, no que participaron representantes do club, das federacións e das administracións. A cidade xa amosou durante a semana o seu apoio ao equipo, coa estatua de María Pita vestida coa camiseta do Leyma.

0.33794283866882