O lobo poderá saír do LESPRE nunha semana grazas a unha iniciativa do PP no Senado

O Senado aproba unha emenda do Partido Popular para excluír o lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, co apoio do PNV e Junts
Lobo Lespre
13 Mar 2025

O Senado aprobou unha serie de emendas impulsadas polo Partido Popular dentro da Lei de Desperdicio Alimentario para excluír o lobo do LESPRE (Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial). A proposta contou co respaldo do PNV e Junts, e será votada a vindeira semana no Congreso dos Deputados.

Se os grupos parlamentarios manteñen a mesma coherencia de voto na Cámara Baixa, as emendas incluíríanse definitivamente na lei e o lobo saíra do LESPRE en canto se publique a norma no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Este avance prodúcese despois de case catro anos de iniciativas e reivindicacións dende diferentes administracións e sectores afectados. Segundo a voceira do Partido Popular no Senado, Alicia García, trátase dun "paso de xigante para acadar a saída do lobo do listado LESPRE, tan ansiada polos nosos gandeiros".

García subliña que este proceso demostra a debilidade do Goberno de Pedro Sánchez e evidencia quen marca realmente a axenda lexislativa en España. "Non só estamos impulsando as solucións que España necesita, senón que tamén comezamos a reverter o dano causado polo sanchismo", afirmou.

Un proceso que avanza cara á súa aprobación definitiva

Ademais desta aprobación no Senado, onte a Mesa do Congreso dos Deputados incluíu na orde do día a votación destas emendas no vindeiro pleno da Cámara Baixa.

Se o Congreso mantén a liña do Senado e aproba a exclusión do lobo do LESPRE, a lei será publicada no BOE e entrará en vigor, permitindo que a especie deixe de estar protexida en pouco máis dunha semana.

O Partido Popular sostén que esta medida é fundamental para o sector gandeiro, que leva anos reclamando unha revisión da protección do lobo debido aos danos que xera na actividade agropecuaria.

⚙ Configurar cookies
0.12289094924927