O Lugar de Reque organiza un obradoiro de cosmética natural o sábado 5 de febreiro

O Espazo Permacultural Lugar de Reque, acollerá un obradoiro de cosmética natural o vindeiro sábado 5 de febreiro na contorna do centro de cestería, no paso do río Rato.
Trátase dunha formación na que as persoas asistentes aprenderán a usar os recursos naturais de forma consciente para elaborar produtos de hixiene persoal que coiden do entorno e da saúde.
Abordaránse os temas da autoxestión dos cosméticos, as necesidades básicas de pel, cabelo e hixiene bucal, equipamento básico, ingredientes naturais e boas prácticas desde un punto de vista permacultural e de aproveitamento de recursos. Na parte práctica do curso elaborarase xabrón, dentífrico e desodorante sólidos, mais unha loción corporal de aloe vera.
O obradoiro, impartido por María García del Río da firma de cosmética natural Lola Puñales, terá unha duración de oito horas (de 10.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 19.00 horas), e durante o mesmo explicaranse diversos conceptos teóricos sobre os criterios de selección dos materiais adecuados para cada forma e función cosmética, polo que, ademais de repetir na súa vida cotiá o aprendido, as persoas participantes poderán crear fórmulas novas.
Desenvolverase nunha das aulas do taller de cestería, cun espazo reducido polo que as prazas están limitadas a 10 asistentes. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do correo lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo ábrese hoxe, luns 31 de xaneiro. A inscrición será por orde de recepción das solicitudes.
O obradoiro de cosmética natural forma parte da programación organizada para desenvolver ao longo do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, que incluirá un amplo abano de actividades ligadas á permacultura e á sostibilidade. Así, ademais desta proposta ligada á saúde e ao coidado persoal, nos vindeiros meses desenvolveranse obradoiros sobre manexo de terras, bioconstrución ou aproveitamento enerxético.