O Mercado da Estrela volve reunir o talento galego na súa XIV edición do 19 ao 21 de decembro

O Mercado da Estrela volverá a Santiago de Compostela do venres 19 ao domingo 21 de decembro coa celebración da súa XIV edición, reafirmándose como unha cita xa consolidada no Nadal galego arredor da creatividade, o consumo responsable e a identidade cultural do país.
Concibido como un espazo de encontro que vai máis alá das compras, o Mercado da Estrela ofrece unha experiencia que combina feira creativa contemporánea e unha programación cultural aberta, ampla e de balde. Artesanía, deseño, música, gastronomía e actividades para o público infantil conforman unha proposta pensada para todos os públicos.
A feira creativa celebrarase na Hospedería de San Martiño Pinario, onde participarán diferentes marcas e persoas emprendedoras e creadoras. Neste mesmo espazo desenvolveranse obradoiros infantís, haberá gardería-ludoteca e organizaranse actividades diversas ao longo de toda a fin de semana.
A zona gastronómica situarase na Praza 8 de marzo, con foodtrucks e sesións de DJ’s. Ademais, coa colaboración da Deputación da Coruña, habilitarase o espazo “A paisaxe que sabe”, no que se realizarán showcookings da man de Espazo Abella, A Horta do Obradoiro e A Maceta.
Pola súa banda, a Praza de Cervantes converterase no denominado “Espazo Estreleiro”, onde o público poderá participar nun xogo da oca xigante e utilizar, de xeito gratuíto, un servizo para envolver os agasallos adquiridos no festival.
A programación musical desenvolverase no Centro Xuvenil Don Bosco. Nesta XIV edición destacan dous momentos especialmente agardados: o debut de Saibran, metade de Boyanka Kostova, e o regreso aos escenarios de Triángulo de Amor Bizarro. O cartel complétase con actuacións de IGMIG, Ulex, Montedapena, Antela, Maricarme, Sheila Patricia e Zålomon Grass.
Neste mesmo espazo celebraranse tamén actividades paralelas como o Bingo Estreleiro, o Retrokaraoke con cancións anteriores aos anos 2000 e unha versión do xogo popular das cadeiras acompañada de música tradicional.
O Mercado da Estrela conta coa colaboración do departamento de Comercio do Concello de Santiago e co apoio de Turismo de Santiago.