O metal pontevedrés afronta hoxe a terceira xornada de folga mentres a patronal propón retomar as negociacións

As mobilizacións previstas para esta xornada desenvolveranse en distintos puntos da provincia
manifesacion-convenio-metal-pontevedra
14 May 2026

O sector do metal da provincia de Pontevedra vive este xoves 14 de maio a súa terceira xornada de folga, a segunda consecutiva, nun escenario marcado pola convocatoria dunha nova reunión negociadora proposta pola patronal para mañá venres ás 9:00 horas.

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT fixeron un chamamento a secundar masivamente os paros e as mobilizacións previstas para hoxe, ao tempo que advertiron de que as novas xornadas de folga convocadas para os días 19, 20 e 21 de maio continúan adiante se non se producen avances significativos na negociación do convenio colectivo.

A proposta empresarial chega tras o amplo seguimento das dúas primeiras xornadas de folga, que deixaron importantes manifestacións en cidades e vilas como Vigo, Pontevedra, Vilagarcía ou Lalín. Dende a parte sindical insisten en manter a presión sobre a patronal para lograr melloras laborais e salariais no sector.

Ao conflito do metal súmase tamén o comercio do metal, chamado igualmente á folga este xoves en demanda dun convenio digno. Este sector leva máis dun ano e medio co convenio caducado e coas negociacións bloqueadas desde xaneiro.

Entre as principais discrepancias figuran a duración do novo convenio, a suba salarial proposta pola patronal e a ausencia dunha cláusula de revisión ligada ao IPC. Os sindicatos tamén reclaman unha redución real da xornada laboral, melloras na regulación da xubilación anticipada e medidas contra a precariedade derivada da subcontratación.

As mobilizacións previstas para esta xornada desenvolveranse en distintos puntos da provincia. En Vigo, a manifestación do metal sairá ás 9:30 horas desde os estaleiros de Beiramar e concluirá na praza da Estrela, onde terá lugar unha asemblea. A marcha do comercio do metal partirá ás 10:00 horas da Avenida de Madrid para unirse posteriormente á mobilización principal.

En Pontevedra, a protesta está convocada ás 12:00 horas na explanada de Mollabao. En Valga, a manifestación sairá ás 11:30 horas da rotonda da Campaña, diante de Urovesa, mentres que en Lalín a mobilización arrancará ás 12:00 horas desde a rotonda do Concello.

Os sindicatos agardan que a reunión prevista para mañá permita avanzar “de boa fe” cara a un acordo, aínda que advirten de que, de non producirse avances, o conflito podería endurecerse nas próximas semanas.

0.38181805610657