O Ministerio de Educación concede a Galicia 72 millóns de euros para a Formación Profesional de traballadores

Do total, 58 irán destinados á oferta formativa de desempregados, 12,1 millóns a ocupados e 2 millóns a accións do sistema de FP para o emprego de carácter extraordinario.
portas-abertas-lois-pena-novo4
9 Jun 2026

O Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes concedeu a Galicia 72,3 millóns de euros destinados á Formación Profesional para persoas traballadoras. Así se acordou coas comunidades autónomas no seo da Conferencia Sectorial de Formación Profesional celebrada hoxe na sede do Ministerio, onde se aprobou o reparto de 867 millóns de euros entre as autonomías para dito programa.

Do total, Galicia recibirá máis de 58 millóns de euros para iniciativas de oferta formativa para traballadores desempregados e 12,1 millóns para accións formativas para traballadores ocupados.

A isto súmanse máis de dous millóns de euros para actuacións extraordinarias do sistema de Formación Profesional para o emprego impartidas a través da rede pública de centros de formación, tanto para persoas desempregadas como ocupadas. Estas actuacións teñen como obxectivo favorecer a cualificación, recualificación e o desenvolvemento de itinerarios formativos ao longo de toda a vida.

Entre 2021 e 2023, máis de 780.000 persoas desempregadas e máis de 200.000 persoas ocupadas participaron neste tipo de accións formativas no conxunto das comunidades autónomas. Grazas a elas, preto de 314.000 persoas sen emprego incorporáronse ao mercado laboral e máis de 52.000 persoas ocupadas melloraron a súa situación profesional.

Con este novo investimento, correspondente ao exercicio 2026, o Ministerio reafirma o seu compromiso coa Formación Profesional como ferramenta para mellorar a cualificación das persoas traballadoras, responder ás necesidades dos sectores produtivos e abrir novas oportunidades de emprego e progreso.

O reparto validado hoxe pola Conferencia Sectorial foi aprobado polo Consello de Ministros o pasado 12 de maio, xunto coa distribución de máis de 329,2 millóns de euros ás comunidades autónomas para o impulso de seis programas de apoio educativo.

0.34977507591248