O motocross nacional regresa ao Circuíto Jorge Prado de Lugo o 26 e 27 de setembro

O Circuíto Municipal Jorge Prado volverá converterse en escenario do motocross nacional os vindeiros 26 e 27 de setembro, con motivo dunha nova proba do Campionato de España de Motocross. A cita reunirá en Lugo algúns dos principais pilotos do panorama nacional nunha fin de semana marcada pola competición, o motor e o espectáculo.
A proba está organizada por Motopark Lugo, que prepara no recinto lucense dúas xornadas de competición nas categorías Sub-18, MX85, MX65 e MX Máster. Os participantes ofrecerán un programa deportivo pensado para os afeccionados ao motociclismo e tamén para o público familiar.
Durante o sábado 26 e o domingo 27 de setembro, o Circuito Jorge Prado acollerá así unha nova cita do calendario estatal de motocross, consolidándose como punto de encontro para os pilotos e afeccionados desta disciplina.
Desde Motopark Lugo destacaron o apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e a Deputación de Lugo, cuxo patrocinio permite levar adiante esta nova proba do Campionato de España na cidade.