O Museo de Pontevedra acolle o programa Empower Parents para achegar a cultura a familias con crianzas con autismo

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, pon en marcha o programa Empower Parents, unha iniciativa pioneira en Galicia que busca facilitar o acceso á cultura ás familias con nenas e nenos con autismo.
O programa desenvolverase entre os meses de maio e novembro e permitirá a participación de sete familias nesta primeira edición. O obxectivo é avanzar cara a un museo máis accesible, inclusivo e adaptado á diversidade, ao tempo que se crea un vínculo estable entre as familias participantes e o equipo educativo do centro.
Empower Parents estrutúrase en dúas fases. Nunha primeira etapa, o persoal do Museo recibe formación específica en accesibilidade cultural da man da entidade Empower, especializada en mediación e aprendizaxe cultural. Posteriormente, desenvolveranse 16 sesións prácticas coas familias e cos nenos e nenas participantes, nas que se aplicarán metodoloxías sensoriais, dinámicas adaptadas e materiais accesibles.
O prazo de inscrición estará aberto desde o 6 ata o 17 de abril, e as familias participantes serán seleccionadas mediante entrevista. A proposta está dirixida a familias con crianzas con autismo de entre 5 e 12 anos, interesadas en compartir experiencias e formar parte dunha comunidade que promove contornas culturais máis inclusivas.
Este é o primeiro programa Empower Parents que se realiza en Galicia, tras o seu desenvolvemento en museos doutras comunidades como Madrid, Valencia ou Castela e León. Con esta iniciativa, o Museo de Pontevedra intégrase nunha rede de institucións culturais que traballan para eliminar barreiras e facilitar o acceso universal á cultura.
A directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou a vontade da institución de ser un espazo útil para toda a sociedade, mentres que desde Empower puxeron en valor o papel das institucións culturais como motores de cambio social cando sitúan as persoas no centro.