O músico Alan Parsons actuará no Palacio da Ópera da Coruña en xuño de 2025

O emblemático músico, recoñecido mundialmente e gañador dun premio Grammy, chega á cidade herculina
alan-parsons-en-corunha
5 May 2025

O emblemático músico, produtor e enxeñeiro de son británico Alan Parsons recalará na Coruña o 24 de xuño de 2025 para ofrecer un concerto único no Palacio da Ópera, dentro da xira The Show Must Go On Tour. Así o anunciaron esta mañá representantes das administracións e da promotora Thinking Up Events no mesmo espazo que acollerá a actuación.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na presentación do evento, onde destacou o papel da cidade como referente musical: “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a amosar o noso potencial como cidade para acoller eventos de gran relevancia musical e artistas de todos os xéneros e xeracións”.

Parsons, gañador dun premio Grammy e coñecido como “mestre sónico do rock progresivo”, comezou a súa carreira nos estudos Abbey Road, onde traballou como enxeñeiro asistente nos últimos álbums de The Beatles e como enxeñeiro principal no mítico The Dark Side Of The Moon de Pink Floyd. Como produtor, tamén acadou grande éxito con artistas como Al Stewart (Year Of The Cat), Pilot, John Miles ou Steve Harley.

En 1975 cofundou xunto a Eric Woolfson The Alan Parsons Project, unha das bandas máis influentes do rock sinfónico, con álbums históricos como Tales Of Mystery And Imagination, I Robot, Pyramid ou Eye in the Sky. Trala disolución do proxecto, continuou en solitario e co Alan Parsons Live Project, levando a súa música por escenarios de todo o mundo.

Na Coruña, Parsons estará acompañado da súa banda actual: P.J. Olsson (voz), Tom Brooks (teclados), Guy Erez (baixo e voces), Jeff Kollman (guitarra e voces), Danny Thompson (batería) e Todd Cooper (saxo, percusión e voces), nun espectáculo que promete combinar “mestría musical e innovación tecnolóxica”.

Ademais das súas 13 nominacións aos Grammy, o artista recibiu o prestixioso Les Paul Award e o Grammy ao Mellor Álbum de Audio Inmersivo no ano 2019. Parsons tamén é autor da serie didáctica The Art & Science Of Sound Recording e colabora activamente en iniciativas solidarias como o evento One 805 KICK ASH BASH.

 

⚙ Configurar cookies
0.10761404037476