O Noia Harp Fest e AEDA suman forzas con dous concertos de grandes arpistas

A 12ª edición do Noia Harp Fest amplía a súa colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA) e ofrecerá dous concertos destacados: un tributo a Henriette Renié con Noelia Cotuna e a estrea en Galicia de 'El concierto secreto', o proxecto de Juliette Commeaux e Laia Blasco.
Juliette Commeaux
15 May 2025

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia reforza na súa 12ª edición a colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA), consolidando así a súa aposta pola visibilización do talento vinculado á arpa en múltiples estilos e rexistros. Por primeira vez, en lugar dun único concerto, o festival e AEDA ofrecerán dous directos que contarán con figuras destacadas da escena da música clásica e antiga: a valenciana Noelia Cotuna e o proxecto artístico ‘El concierto secreto’, formado por Juliette Commeaux e Laia Blasco.

O primeiro dos concertos celebrarase o venres 1 de agosto e estará a cargo de Noelia Cotuna, solista e música de cámara recoñecida a nivel nacional e internacional, que actuou baixo a dirección de grandes nomes como Kirill Petrenko, Zubin Mehta ou Daniel Barenboim. En Noia interpretará un repertorio en homenaxe á arpista e compositora francesa Henriette Renié, coincidindo co 150 aniversario do seu nacemento.

Ao día seguinte, o sábado 2 de agosto, chegará por primeira vez a Galicia ‘El concierto secreto’, unha proposta singular conducida por Juliette Commeaux (arpa) e Laia Blasco (voz e frauta). A través deste proxecto recuperan pezas virtuosas da antigüidade adaptadas para arpa e voz, inspirándose nas interpretacións íntimas que se realizaban nas cortes italianas para círculos selectos de intelectuais. O dúo xa actuou en espazos como o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, o Auditorio de León ou o Museo Marqués de Dos Aguas de Valencia.

Estes dous concertos súmanse á programación xa anunciada polo festival, que inclúe nomes como a arpista flamenca Ana Crismán, a escocesa Rebecca Hill ou a formación galega D’Súpeto. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer máis artistas e actividades.

Sobre o festival
O Noia Harp Fest, organizado por Nalgures Producións e coa dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto. Conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, e da Deputación da Coruña. Ademais dos concertos, desde 2023 acolle tamén o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que promove a convivencia e formación do alumnado arredor da arpa como instrumento protagonista.

⚙ Configurar cookies
0.10160303115845