O ourensán Diego Conde ingresa na Real Academia de Medicina de Galicia

O veterinario defendeu na Coruña unha maior presenza da profesión no enfoque One Health
diego-conde-academia-medicina
8 May 2026

A Real Academia de Medicina de Galicia acolleu onte, na súa sede da rúa Durán Loriga da Coruña, o ingreso como Académico Correspondente do veterinario Diego Conde Gómez, nun acto no que estivo presentado polo Dr. Pablo Díez Baños, académico numerario titular do sillón de Veterinaria. A sesión xirou arredor do discurso “Hygia pecoris, salus populi: o Homo sapiens, un paciente máis na Veterinaria do século XXI”, co que o novo académico reivindicou a centralidade da profesión veterinaria dentro da saúde pública contemporánea.

Lonxe dunha intervención de ton meramente corporativo, Conde articulou unha defensa ampla da veterinaria como disciplina estratéxica para protexer a saúde humana antes incluso de que apareza a enfermidade clínica. A súa tese central foi clara: a saúde do ser humano non pode entenderse á marxe da sanidade animal, da seguridade alimentaria, da vixilancia epidemiolóxica e do control dos equilibrios biolóxicos na interface entre especies e ecosistemas. Desde esa perspectiva, sostivo que o Homo sapiens debe seguir sendo o paciente principal da veterinaria do século XXI, non no sentido asistencial clásico, senón como destinatario último da súa función preventiva e poboacional.

Un dos eixos máis destacados do discurso foi o seu chamamento a reforzar a presenza real da veterinaria no ámbito do One Health. Diego Conde advertiu de que o concepto corre o risco de baleirarse se queda reducido a unha consigna institucional ou a un lema de consenso sen consecuencias materiais. Fronte a iso, reclamou unha integración efectiva da profesión nas políticas sanitarias, na gobernanza dos riscos emerxentes e na arquitectura da prevención, con especial atención a retos como as zoonoses, as resistencias antimicrobianas, a bioseguridade ou as futuras ameazas pandémicas.

Outro dos mensaxes de fondo foi precisamente ese paradoxo da prevención: cando funciona, case nunca xera visibilidade. Conde subliñou que boa parte do éxito da saúde pública consiste en evitar que aconteza aquilo que podería chegar a converterse en crise, brote ou traxedia, e lembrou que nese traballo silencioso a veterinaria desempeña desde hai décadas un papel esencial. A súa intervención insistiu en que a sociedade segue asociando a miúdo a profesión a unha imaxe limitada, ligada case exclusivamente á clínica animal, sen percibir o alcance da súa contribución en campos como o control de zoonoses, a cadea alimentaria ou a vixilancia de riscos biolóxicos.

A presentación do novo académico correu a cargo do Dr. Pablo Díez Baños, quen na súa laudatio repasou unha traxectoria profesional e científica marcada pola combinación de xestión sanitaria, investigación e humanismo. Nese percorrido destacou a dedicación de Diego Conde durante máis de dúas décadas a programas de control e erradicación de enfermidades gandeiras de gran transcendencia para a saúde pública, incluídas zoonoses como a tuberculose ou a brucelose, así como o seu labor en Tragsatec, dentro do Grupo Tragsa. Tamén subliñou o seu perfil multidisciplinar e o seu interese pola epidemioloxía, a análise de datos e a innovación tecnolóxica aplicada á sanidade animal.

Natural de Ourense, Diego Conde Gómez é doutor en Veterinaria e mantén ademais unha vinculación investigadora con HISTAGRA, grupo da Universidade de Santiago de Compostela no que figura como investigador. A súa tese doutoral, defendida en 2013, centrouse na figura de Juan Rof Codina e no papel da veterinaria na mellora pecuaria e a hixiene sanitaria da Galicia contemporánea. Ademais da súa produción científica e ensaística, é Académico Correspondente da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España desde 2018, e da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia desde 2025. En 2022 recibiu o Premio Nacional Cayetano López y López polo seu traballo Caballeros del Campo. La Edad de Plata de la Veterinaria Española (1910-1936).

Con este ingreso na Real Academia de Medicina de Galicia, Diego Conde Gómez suma un novo fito institucional a unha traxectoria que vén combinando a sanidade animal, a historia da veterinaria e a reflexión sobre o lugar que ocupa a profesión no sistema sanitario. A súa mensaxe de onte deixou unha idea central: non haberá unha política de saúde verdadeiramente moderna mentres a veterinaria non sexa asumida, con plenitude, como unha peza estratéxica da saúde pública e como unha voz imprescindible dentro do One Health do século XXI.

0.38002490997314