O Palacio Kursaal de Donostia convértese no escenario de presentación de ‘A paisaxe que sabe’

O emblemático Palacio Kursaal de Donostia acolleu hoxe a presentación de “A paisaxe que sabe”, un evento organizado pola área de turismo da Deputación da Coruña para poñer en valor a gastronomía da provincia ante o público profesional do País Vasco.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, foi o encargado de inaugurar o acto, conducido por Oraitz García, antes de dar paso á degustación dun menú elaborado con produtos locais polo chef André Arzúa (Espazo Abella).
“Queremos que coñezades mellor a nosa provincia a través dos seus produtos”, destacou Xosé Regueira durante a súa intervención. “Euskadi é un territorio estratéxico para nós, porque queremos atraer un perfil de turista que valora a calidade da nosa oferta. Por iso organizamos eventos como este, que repetiremos en Vitoria e Bilbao”.
O menú ofrecido aos asistentes incluíu produtos galegos de primeira calidade:
Mariscos e peixes: Berberechos de Noia, vieiras de Barallobre, polbo de Muros e pescada de Ribeira.
Carnes e verduras: Costela de Tenreira Galega, porco celta, grelos de Galicia e patacas de Coristanco.
Queixos e legumes: Queixo Arzúa-Ulloa e Tetilla, ademais de fabas e chícharos bágoa de A Despensa d’Lujo.
O maridaxe correu a cargo de Vermú Lodeiros, os viños de Adega Entre os Ríos e Castellum Augusti (IXP Barbanza e Iria), Adegas Bordel (IXP Viños da Terra de Betanzos) e a premiada xenebra Vánagandr, elaborada en Cambre.
O evento reuniu a máis de 80 asistentes do sector gastronómico e turístico, interesados en coñecer a riqueza culinaria coruñesa.
“Queremos poñer en valor o traballo dos nosos produtores e chefs, porque a gastronomía é agora mesmo un dos grandes atractivos turísticos da provincia. É sinónimo de calidade, sustentabilidade e desenvolvemento socioeconómico”, concluíu Regueira, convidando aos asistentes a visitar a provincia “cos ollos moi abertos e ganas de descubrir unha cultura auténtica e un territorio con moito que ofrecer”.