O Palma Futsal golea 6-1 á selección indonesia no partido que pechou o Torneo Terras do Asma en Chantada

O pavillón municipal de Chantada rexistrou un cheo total para presenciar o duelo entre o conxunto balear e a selección asiática, dirixida polo técnico local Héctor Souto
chantada_futsal
20 Aug 2026

O pavillón municipal de Chantada viviu unha xornada de cheo absoluto con motivo do encontro entre o Illes Balears Palma Futsal e a selección de Indonesia, que rematou con vitoria balear por 6-1. Este duelo puxo o ramo á primeira edición do Torneo Internacional Terras do Asma, impulsado pola SD Chantada e o Concello da localidade, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O seleccionado indonesio, actual subcampión de Asia, atópase estes días realizando unha concentración de preparación en Galicia. A estancia responde a unha proposta do propio adestrador do combinado asiático, Héctor Souto, natural de Chantada, quen desenvolveu boa parte da súa traxectoria deportiva con notable éxito no sueste asiático.

Ao partido asistiu o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, quen puido seguir de preto o desenlace deste torneo que permitiu á localidade lucense acoller unha selección nacional de prestixio internacional.

0.26079607009888