O Parador de Monforte acollerá hoxe 4 de marzo a VIII Gala dos Premios AJE Lugo
A Asociación de Novos Empresarios de Lugo celebrará hoxe venres 4 de marzo ás 19:30 horas no Parador de Monforte de Lemos, a VIII Gala dos Premios AJE Lugo.
Este evento ten como obxectivo premiar o labor daqueles emprendedores e novos empresarios que co seu esforzo e dedicación contribúen día a día a crear riqueza e xerar emprego na provincia de Lugo, sobre todo tendo en conta os difíciles anos de incerteza xeneralizada que estamos a vivir.
Para os gañadores estes galardóns supoñen, ademais do recoñecemento ao seu labor, a proxección da súa actividade empresarial a través de medios de prensa e publicidade. Ao mesmo tempo que serve de exemplo de superación para a mocidade lucense mostrando que o auto emprego e a innovación é outra posibilidade de traballo. Ademais, os gañadores serán obsequiados cunha bolsa para formación na Escola de Negocios IESIDE.
As categorías de premios son as seguintes: Premios Novo Empresario/a 2021 e Premio Novo Iniciativa Empresarial 2021; ademais de dous accésit: Accésit Innovación 2021 e Accésit RSE 2021.
O acto reunirá a diferentes personalidades e representantes do mundo empresarial, financeiro e institucional lucense, das cales algúns formarán parte do Xurado que valorará os proxectos das candidaturas presentadas, baixo criterios baseados na calidade, innovación, permanencia ou crecemento sostible no mercado, viabilidade ou sustentabilidade, entre outros.
Tras a entrega de premios, celebrarase un pequeno convite aproveitando a ocasión para poder compartir visións, proxectos e preocupacións referentes á situación empresarial e emprendedora que se vive actualmente en todo o territorio provincial.