O Parlamento aproba a iniciativa do BNG para abrir un concurso urxente para unha nova concesión dos helicópteros do 061

O Parlamento galego aproba por unanimidade a proposta do BNG para abrir un novo concurso urxente que substitúa á actual concesión dos helicópteros do 061, tras 32 días sen servizo o da base de Santiago.
Montse Prado
30 Apr 2025

O Parlamento galego aprobou este martes por unanimidade a iniciativa presentada polo BNG para que a Xunta convoque un novo concurso de urxencia para a concesión do servizo de helicópteros da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061. A proposta inclúe tamén tomar medidas para que a actual concesionaria, a empresa Eliance, quede excluída da nova licitación debido aos reiterados incumprimentos desde que obtivo o contrato.

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, puxo o foco na gravidade de manter inoperativo durante 32 días o helicóptero con base en Santiago, un dos dous únicos cos que conta o servizo 061. Prado cualificou esta situación de “temeraria, irresponsable e inaceptable” e pediu a dimisión dos máximos responsables da Xunta por “poñer en risco vidas humanas”.

A nacionalista salientou que, segundo as estimacións, este helicóptero podería ter atendido ata 140 emerxencias durante este período, e citou casos concretos como o dunha persoa infartada na Costa da Morte que faleceu por non dispoñer do servizo aéreo e pola imposibilidade de que chegase a tempo a ambulancia medicalizada.

A iniciativa tamén demanda á Xunta que, mentres non se resolva o novo concurso, obrigue á empresa actual a cumprir as condicións do contrato e contrate de inmediato un helicóptero de substitución, algo que é posible legalmente baixo o principio de interese público.

Prado denunciou que, mentres se manteñen contratos millonarios a centros privados como Povisa, a Xunta “non move un dedo para garantir un servizo básico como o 061”. “Canto vale unha vida para o Partido Popular?”, preguntou, concluíndo cunha chamada a actuar de inmediato para evitar máis riscos e mortes evitables.

⚙ Configurar cookies
0.10274481773376