O Parlamento aproba a proposta do PSdeG para que a Xunta incorpore á ONCE ao protocolo de acompañamento das persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios

A iniciativa, presentada pola deputada socialista Elena Espinosa, propón que a ONCE participe na elaboración do protocolo de acompañamento a persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios galegos, seguindo o exemplo doutras comunidades. A emenda foi aprobada na Comisión de Sanidade.
Elena Espinosa
2 Nov 2025

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores a proposta do PSdeG para que a Xunta incorpore á ONCE na elaboración do protocolo de acompañamento das persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios.

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, presentou unha emenda a unha proposición non de lei debatida na Comisión de Sanidade, coa que reclamou que se conte coa participación desta entidade. A proposta, que partía do PP, incorporou a emenda socialista e foi finalmente aprobada por unanimidade.

Espinosa explicou que a súa iniciativa segue o exemplo de outras comunidades autónomas nas que xa se desenvolveron protocolos semellantes asinados coa ONCE, entidade con máis de 80 anos de experiencia no proceso de inclusión das persoas con discapacidade visual. “Esta experiencia hai que aproveitala, así como a súa sensibilidade”, subliñou.

A deputada socialista insistiu en que calquera modificación ou nova redacción do protocolo debe basearse nun proceso participativo e consensuado, que garanta “a integración dos principios de accesibilidade, participación e humanización para mellorar o acompañamento ás persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios”.

Espinosa fixo un chamado a “humanizar a asistencia”, dando resposta ás necesidades específicas de cada quen, “sinaladamente das persoas con discapacidade visual”. Pediu tamén que o protocolo “sexa pronto unha realidade” para que “tódalas persoas poidan moverse con autonomía e seguridade polos espazos sanitarios e contar co apoio necesario para unha experiencia sanitaria digna, accesible e humana”.

A responsable socialista concluíu que esta medida servirá tamén para promover valores de igualdade, respecto e inclusión, reforzando o compromiso de Galicia cunha sanidade pública máis humana e accesible para todas as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.29783701896667