O Parlamento insta á Xunta a cooperar co Estado para unha transición enerxética sustentable

A Comisión de Industria do Parlamento de Galicia aprobou este venres parcialmente unha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista coa que se insta á Xunta a cooperar co Goberno de España e coas autoridades ambientais na procura dunha transición enerxética “ordenada, respectuosa co medio ambiente e sustentable”.
A portavoz de Industria, Patricia Iglesias, defendeu a iniciativa, que contou co apoio parcial do PP, e advertiu da necesidade de avanzar cara a unha planificación “seria” que garanta seguridade xurídica e participación cidadá nos proxectos enerxéticos.
Iglesias criticou que o PP deixase fóra do acordo puntos clave como a zonificación clara e precisa da planificación eólica, a posta en marcha de mecanismos de participación pública efectivos ou a revisión de proxectos suspendidos por incumprimento da normativa ambiental.
Reivindicou tamén o Pacto Industrial e Enerxético para Galicia proposto polo PSdeG, cun modelo de enerxía e industria “ao servizo do país e non dun goberno clientelar”. Lembrou que xa se acumulan 13 reformas da Lei do sector eólico e máis de 90 parques suspendidos pola xustiza, e afeou o atraso no novo Plan Eólico, que non se prevé ata 2027 e que será encargado a unha consultora por máis de 700.000 euros.
Segundo o texto aprobado, “o Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a fomentar a cooperación institucional continua entre a Xunta, o Goberno de España e as autoridades ambientais para garantir unha transición enerxética ordenada, respectuosa co medio ambiente e sustentable”.