O Parlamento reclamará á Xunta que active a mediación no conflito laboral no téxtil, que se manifesta o sábado

O persoal do comercio do sector está convocado a unha folga en Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo
folga-textil-cig
22 May 2026

A Comisión de Emprego do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que active os mecanismos de mediación laboral propios diante do conflito laboral no téxtil. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Dacosta, esixiulle ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado” diante do conflito provocado no sector do téxtil polo convenio estatal das cadeas do sector impulsado pola patronal Arte.

A responsable socialista alertou de que o convenio que intenta impoñer a patronal, pensado para as grandes cadeas estatais do téxtil e o calzado, suporá “un retroceso claro en dereitos laborais consolidados” nun sector amplamente feminizado. Sinala que “custa entender que diante dun escenario así a Xunta non considere necesario nin tan sequera mediar”, e criticou que “falan moito de diálogo social, pero desaparecen cando aparece un conflito laboral real no noso territorio”.

A proposta aprobada hoxe reclámalle á Xunta que convoque reunións coas organizacións sindicais e empresariais para coñecer a situación directamente e facilitar espazos de diálogo, poñendo á súa disposición os mecanismos públicos de mediación e intermediación existentes en Galicia. Dacosta esixiulle “implicación” para “escoitar ás traballadoras” e que a Xunta “non permaneza desaparecida mentres milleiros de persoas ven ameazados os seus dereitos laborais”.

Dacosta explicou que as novas condicións que intenta impoñer a patronal permitirán ás empresas impoñer traballo obrigatorio ata na metade dos domingos e festivos, reducen as táboas salariais que hoxe teñen os convenios provinciais e elimina os límites a contratación a tempo parcial, incrementando a precariedade e dificultando de facto a estabilidade laboral.

En realidade desaparecerán as licenzas e permisos recoñecidos en moitos convenios provinciais, elimina o complemento do cen por cento nas baixas médicas e tampouco recolle os descansos dentro da xornada como tempo efectivo, aumentando o tempo real de traballo anual. Alertou de que permite cambios de horarios con mínima antelación, unha distribución irregular da xornada e inventarios fóra do horario, impoñendo unha flexibilidade extrema en contra das traballadoras.

A parlamentaria socialista esixiulle ao goberno galego que atenda ás necesidades dos milleiros de traballadoras afectadas en Galicia que verán deterioradas unhas condicións de traballo que xa viñan sendo precarias, co salarios modestos, dificultades de conciliación e alta temporalidade. Alertou de que este convenio supón un “cambio de modelo laboral” para impoñer unha “flexibilidade extrema e a perda de peso da negociación colectiva territorial”.

CONVOCATORIA DE FOLGA

As traballadoras e traballadores do comercio volverán á folga este sábado 23 de maio para protestar contra o convenio estatal impulsado pola patronal ARTE, ao considerar que empeora as condicións laborais e salariais do sector.

A mobilización forma parte da campaña de protestas que se está a desenvolver en toda Galicia contra o preacordo asinado entre ARTE, que agrupa grandes multinacionais do téxtil e do calzado, e os sindicatos CCOO e Fetico.

O persoal reclama ás patronais provinciais a negociación dun acordo interprofesional galego que garanta a prioridade dos convenios provinciais fronte ao estatal.

As protestas desenvolveranse en varias cidades galegas con manifestacións e concentracións convocadas na Coruña (12.00 horas), Santiago (11.00), Ferrol (12.00), Lugo (12.00), Ourense (11.00) e Vigo (11.30 horas)

As traballadoras denuncian que o convenio estatal busca centralizar as relacións laborais e recortar dereitos conquistados nos convenios provinciais tras anos de loita sindical.

O paro chega antes das próximas reunións da mesa negociadora de ARTE previstas para finais de maio e comezos de xuño en Madrid, onde se podería pechar o convenio estatal.

Neste contexto, xa está convocada unha mobilización nacional na Coruña o vindeiro 27 de maio para reclamar ás patronais galegas un acordo que blinde os convenios provinciais.

As organizacións sindicais critican especialmente a postura da patronal coruñesa, á que acusan de bloquear a negociación do convenio provincial de comercio vario, caducado desde decembro.

As traballadoras defenden que o sector demostrou nos últimos meses unha forte unidade fronte ás pretensións das grandes empresas e advirten de que non aceptarán retrocesos nos seus dereitos laborais e salariais.

0.35369300842285