O paro aumenta en Galicia en outubro e os sindicatos alertan da precariedade laboral

A Xunta destaca que se trata do mellor outubro da serie histórica on 1.127.270 afiliacións á Seguridade Social e pecha o mes con 114.849 persoas desempregadas
Paro Galicia
4 Nov 2026

Galicia pechou outubro con 114.849 persoas desempregadas, 2.412 máis que no mes anterior, o que supón un incremento do 2,15 %. Ao mesmo tempo, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 697 persoas, un 0,06 %, ata situarse en 1.127.270 cotizantes. Os datos publicados este mércores polos ministerios de Traballo e de Inclusión reflicten unha evolución desigual entre Galicia e o conxunto do Estado, e abriron lecturas diferentes entre as organizacións sindicais e a Xunta.

UGT-Galicia considera que as cifras de afiliación amosan a fortaleza do emprego, xa que a comunidade alcanza o cuarto maior rexistro da serie histórica e suma 24.286 cotizantes máis que hai un ano, un incremento do 2,20 %. Porén, a organización advirte de que esta evolución non se traduce nunha mellora equivalente do poder adquisitivo das persoas traballadoras. Ademais, sinala que o ritmo de creación de emprego en Galicia, do 2,2 %, continúa por baixo do estatal, situado no 3,59 %.

A central sindical explica que o aumento do paro en outubro responde en boa medida ao remate da tempada turística e á finalización de contratos na hostalaría e no comercio. Tamén destaca o efecto da regularización extraordinaria de persoas migrantes, que pasan a incorporarse ás estatísticas de afiliación e demanda de emprego. Neste sentido, reclama máis medios para as oficinas de estranxeiría e para os servizos públicos de emprego, co obxectivo de axilizar os trámites e ofrecer orientación personalizada ás persoas desempregadas.

A contratación indefinida representou o 30,84 % dos contratos asinados en outubro en Galicia, fronte ao 43,26 % do conxunto estatal. UGT salienta a evolución respecto de outubro de 2021, cando esta modalidade apenas alcanzaba o 8,87 %, e considera que os datos avalan os efectos da reforma laboral. A temporalidade das afiliacións situouse no 14,39 %, fronte ao 28,75 % de hai cinco anos.

Con todo, a organización pon o foco na evolución dos salarios. O IPC adiantado de outubro mantívose no 4,9 %, mentres que as subas pactadas nos convenios roldan o 3 %. Por iso, UGT reclama que o salario mínimo interprofesional aumente polo menos un 7 % en 2027 e pide á patronal que desbloquee o VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, con incrementos salariais por riba da inflación e cláusulas de revisión.

A central considera que o acceso á vivenda é outro dos principais problemas da clase traballadora, debido ao incremento dos prezos por riba da evolución dos soldos. Por este motivo, reclama medidas para frear a especulación, reducir os prezos e ampliar o parque público de vivenda. UGT vincula estas reivindicacións á folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro por UGT, CCOO e outras organizacións sindicais e sociais, baixo a demanda de que a riqueza xerada polas persoas traballadoras se traduza en salarios dignos e fogares alcanzables.

A CIG alerta do peso do emprego parcial e fixo descontinuo

Pola súa banda, a CIG interpreta os datos de outubro como unha mostra da debilidade do mercado laboral galego. O sindicato destaca que o paro aumentou un 1,3 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, fronte ao descenso do 0,9 % no conxunto estatal, mentres que a afiliación medrou en Galicia un 2,2 %, por baixo do 3,6 % rexistrado no Estado.

A organización sinala que o sector servizos concentrou o 83,5 % do incremento mensual do desemprego, con 2.013 persoas máis inscritas. Tamén alerta de que as persoas maiores de 45 anos representan case o 60 % do paro rexistrado e de que as mulleres continúan sendo o colectivo máis afectado: son 67.899 as desempregadas, o 59,1 % do total.

A CIG chama a atención sobre a evolución das modalidades de contratación. En outubro aumentaron as afiliacións fixas descontinuas, con 2.375 máis, e as indefinidas a tempo parcial, con 1.465 máis. Pola contra, as indefinidas a tempo completo só medraron en 206 afiliacións. O sindicato engade que as mulleres representan o 87,4 % do incremento das afiliacións fixas descontinuas e o 69,5 % das afiliacións a tempo parcial.

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, considera que estes datos evidencian que o aumento da contratación indefinida non garante necesariamente estabilidade económica. “En consecuencia, hai cada vez máis persoas con contrato indefinido pero sen salario completo, sumidas na incerteza e na pobreza laboral porque os baixos salarios baixos impiden chegar a fin de mes”, afirma.

Sío tamén critica a rotación entre sectores e apunta que o incremento de afiliacións na educación non compensa as perdas na hostalaría, no comercio e nos servizos sociais. O sindicato reclama unha nova lexislación laboral que reforce a protección fronte ao despedimento, recupere dereitos e garanta xornadas suficientes e salarios dignos. Ademais, pide medidas específicas para favorecer o acceso ao emprego das mulleres e das persoas de maior idade, así como actualizar o salario mínimo ao 60 % do salario medio e facilitar o acceso á vivenda.

A Xunta destaca o máximo de afiliación para un mes de outubro

Desde a Xunta, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, puxo o acento no número de cotizantes alcanzado en outubro. Segundo destacou, os 1.127.270 afiliados á Seguridade Social constitúen o máximo para este mes desde o inicio da serie histórica, en 2004, e o cuarto maior rexistro global.

En relación co desemprego, Lado sinalou que o incremento interanual se concentra no colectivo sen emprego anterior e vinculouno ao impacto das persoas regularizadas no proceso extraordinario impulsado polo Goberno central. Pola contra, asegurou que o paro descendeu en todos os sectores económicos, con baixadas especialmente destacadas na construción, na industria, no sector primario e nos servizos.

A directora xeral tamén lembrou que o incremento mensual do desemprego en outubro é habitual pola finalización dos contratos da tempada de verán e indicou que a suba galega, do 2,15 %, foi inferior á media dos últimos 30 anos, situada no 3,09 %. Segundo a súa valoración, Galicia ocupa a sexta posición entre as comunidades autónomas con mellor evolución interanual do paro e a novena na evolución mensual.

0.52180409431458