O Parque Eugenio Granell énchese de música, xogos e diversión na Festa Pícara do Apóstolo

O Parque Eugenio Granell converterase o vindeiro martes 22 de xullo nun espazo de encontro familiar coa celebración da segunda edición da Festa Pícara, no marco das Festas do Apóstolo. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, convidou á veciñanza a gozar da xornada no parque e animou ás familias a levar o xantar para compartir unha experiencia completa ao aire libre.
A programación da Festa Pícara desenvolverase en horario de 12 a 14 horas e de 16 a 20.30 horas, e ofrecerá actividades continuadas para público de todas as idades. O día arrincará ás 12 coa apertura dos espazos de xogo e obradoiros e o concerto Consertasso na Horta, con Brais das Hortas. Ás 13 horas, Pesdelán traerá a súa Foliada Pícara, unha proposta de música e danza tradicional participativa.
Xa pola tarde, ás 16.30 h, Paco Nogueiras ofrecerá o seu espectáculo Canto contigo. Os pasarrúas de Cé Orquestra Pantasma, acompañados de cabezudos, animarán o parque ás 17.30 h e ás 19.00 h. Ás 18.00 h terá lugar un dos momentos destacados da festa, cun concerto especial polo 25 aniversario de Mamá Cabra. Pechará a xornada ás 19.30 h o Concerto Tributo Lembra Xabarín, con temas emblemáticos dos anos 80 e 90 de grupos como Herdeiros da Crus, Siniestro Total ou Os Diplomáticos de Monte-Alto.
Durante toda a xornada haberá obradoiros de sementes, copistería, experimentación para bebés e paisaxe sonora, este último a cargo da Fundación Legar, con pases ás 17.30 h e 19.00 h. As zonas de xogo estarán dinamizadas por Garabato e Vaidavai, con xogos de habilidade e tradicionais.
A festa tamén contará cun espazo de lactación e descanso para bebés, aparcadoiro de carriños, zona gastrobar e posto de xeados. A accesibilidade será unha prioridade, con interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias para sentir a música e sinalización inclusiva, co obxectivo de garantir unha experiencia integradora para todas as persoas asistentes.