O persoal da Atención Primaria inicia protestas antes da folga do 26N

O persoal da Atención Primaria arrancou este martes co calendario de mobilizacións previo á folga conxunta convocada para o vindeiro 26 de novembro —á que a CIG sumou tamén os días 27 e 28— cunha primeira xornada de protestas diante dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC). As concentracións celebráronse ás 11:00 horas e repetiránse ás 18:00.
As mobilizacións déronse en centros de toda Galicia, en cidades como Compostela, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense, A Coruña ou Ames, evidenciando o amplo apoio ás reivindicacións do persoal.
Para este mércores, día 19, as organizacións sindicais teñen convocada unha protesta central diante da Consellaría de Sanidade, no complexo administrativo de San Lázaro, ás 11:00 horas. Reclaman a posta en marcha de medidas concretas, cunha planificación exhaustiva “que demostre unha verdadeira decisión política de apostar por unha Atención Primaria digna para o presente e o futuro”.
O secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira, cualificou a folga como “unha defensa da Atención Primaria fronte a unha proposta da Consellaría que supón un retroceso ao século pasado”. Denuncia que a intención de obrigar ás médicas e médicos a realizar a xornada ordinaria nos centros de saúde e gardas nos PAC supón “empeorar as condicións de quen xa traballa neste ámbito” e dificulta as novas incorporacións.
Moreira advertiu de que esa reorganización provocaría que o persoal médico non estivese operativo á mañá seguinte no seu centro de saúde polo descanso das gardas, o que incrementaría aínda máis as listas de agarda. Por iso, sindicatos e profesionais esixen a retirada da categoría de persoal facultativo especialista de Atención Primaria creada en 2022.
“O que precisamos son feitos concretos. Non chega con conxelar a categoría nin con retirar propostas parciais. Queremos garantías reais porque xa non nos fiamos de compromisos incumpridos durante dous anos”, sinalou.
As organizacións sindicais demandan tamén unha negociación real dun plan de ordenación dos recursos humanos —reclamado desde 2019— xunto cunha actualización do modelo retributivo para todas as categorías. “Non imos parar as mobilizacións só por un compromiso verbal”, insistiu Moreira.
O obxectivo, concluíu, é reforzar a Atención Primaria cun modelo que diferencie persoal de centros de saúde e persoal de PAC, mellorar as condicións laborais e garantir unha atención de calidade nun ámbito onde, lembra, hai sobrecargas evidentes en áreas como administración, fisioterapia ou saúde mental.