O persoal das contratas de Inditex mobilízase por salarios dignos

O persoal de Sodexo, Samsic e Veolia concéntrase diante da sede de Inditex para reclamar melloras salariais e denunciar a precarización dos servizos externalizados.
Folga Inditex
14 Apr 2025

Traballadoras e traballadores de Sodexo, Samsic e Veolia –as principais contratas de Inditex na Coruña, que agrupan a unhas 300 persoas– mobilizáronse este venres diante da sede da multinacional para esixir condicións salariais dignas e defender os seus dereitos laborais.

A protesta enmárcase na renovación dos acordos de mellora que afectan a estas empresas auxiliares, encargadas de servizos fundamentais como os comedores (Sodexo), a limpeza (Samsic) e o mantemento (Veolia) nas instalacións de Inditex.

Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos, explicou que se intentou negociar conxuntamente con todas as empresas, pero estas rexeitaron esa vía. As conversas, polo tanto, estanse a desenvolver por separado e, segundo Pérez, “as melloras salariais que ofrecen son ridículas”.

O persoal decidiu concentrarse diante da sede de Inditex, xa que consideran que é a multinacional quen determina os orzamentos e, polo tanto, as condicións das contratas. “Cando Inditex presenta os resultados presume de altos salarios, pero exclúe aos das contratas, que tamén traballan diariamente para ela”, sinalou.

A CIG denuncia que a externalización ten como único fin precarizar os empregos e reducir custos. “As persoas destas contratas levan anos nas instalacións, son imprescindíbeis para o seu funcionamento, pero os seus soldos apenas superan os mínimos dos convenios provinciais”.

Nun contexto de beneficios millonarios e expansión do grupo, o persoal non está disposto a aceptar condicións precarias. “Merecemos chegar a fin de mes. Non pedimos máis que un salario acorde co traballo que facemos para unha das empresas máis grandes do mundo”, reclamaron.

De non producirse avances reais nas negociacións, xa se contempla a convocatoria dunha folga.

⚙ Configurar cookies
0.1112539768219