O persoal de Ferroglobe mobilízase na planta de Sabón contra o ERTE que afectaría a 113 traballadores durante ano e medio

O comité considera desproporcionada a medida e mantén convocada unha folga para o 27 de xullo ante a falta de avances na negociación
concentracion-ferroglobe-arteixo
23 Jul 2026

O persoal de Ferroglobe concentrouse este mércores diante da planta de Sabón, en Arteixo, para expresar o seu rexeitamento ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentado pola empresa, que prevé afectar a 113 traballadores e traballadoras durante un período de ano e medio. Segundo denuncian, a regulación apenas repercutiría no persoal directivo.

A empresa xustifica a medida por causas organizativas relacionadas co elevado custo da enerxía e coa caída dos prezos provocada pola competencia do mercado asiático. Porén, o comité de empresa considera que o expediente é “totalmente desproporcionado” e a representación da CIG sostén que “non pode ser que unha vez máis o conxunto dos traballadores e traballadoras sexan quen pague as consecuencias de factores totalmente alleos á planta de Sabón”.

O sindicato lembra que este sería o cuarto ERTE aplicado por Ferroglobe nas instalacións de Arteixo e advirte de que cada vez é menor o tempo transcorrido entre un expediente e outro. O anterior rematou en decembro de 2024, polo que, segundo sinalan, o persoal nin sequera puido recuperar o dereito íntegro á prestación por desemprego.

A representación dos traballadores alerta de que, se finalmente se executa o expediente nos termos propostos, boa parte do cadro de persoal esgotaría a prestación por desemprego sen que existan garantías sobre a continuidade dos postos de traballo nin da actividade produtiva da planta.

O período de consultas do ERTE rematará o vindeiro 28 de xullo. As posicións entre empresa e comité seguen moi afastadas, xa que os representantes do persoal consideran excesiva a duración da regulación e entenden que unha compañía como Ferroglobe, “ten capacidade económica suficiente para asumir un complemento salarial que permita que o persoal non vexa mermado o seu poder adquisitivo”.

Coincidindo coa concentración, unha representación do comité reuniuse con responsables das Consellarías de Industria e de Emprego para solicitar a intervención da Administración. Argumentan que Ferroglobe recibe importantes subvencións e axudas públicas e lembran que a planta de Sabón é a única instalación do Estado dedicada á produción de silicio metal.

Ante a falta de avances nas negociacións, a sección sindical da CIG mantén convocada unha xornada de folga para o vindeiro luns 27 de xullo como medida de protesta contra o expediente presentado pola empresa.

0.28469586372375