O persoal de terra de Ryanair, en folga contra o ERE

O persoal de terra de Ryanair en Galicia protagonizou unha xornada de folga cunha concentración no aeroporto de Santiago para protestar polo ERE que pretende aplicar a compañía, que afectaría ata o 85% do cadro de persoal. CCOO propón un ERTE temporal mentres duren as obras en Lavacolla.
Ryanair Folga
21 Oct 2025

O persoal de terra de Ryanair en Galicia está en folga este luns e concentrouse no aeroporto de Santiago de Compostela para protestar pola ruptura unilateral das negociacións por parte da empresa.
Un cento de traballadores e traballadoras manifestáronse na terminal do aeroporto Rosalía de Castro con pancartas contra o expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende aplicar a compañía.

Segundo CCOO, a pretensión da empresa é despedir entre o 80 e o 85% do persoal coa menor indemnización posible. O presidente do comité de empresa, Alberto Couceiro (CCOO), explicou en declaracións aos medios que a negociación concluíu o pasado venres «sen acordo» e cualificou de «irrisorias» as propostas da empresa.
«Queríannos dar trinta días por despedimento con quince mensualidades, o que é moi pouco tendo en conta que Ryanair bateu en 2025 os beneficios de todos os anos anteriores», indicou.

CCOO reclama que, no canto do ERE, se aplique un ERTE ata o vindeiro mes de xullo, mentres dure o peche da pista da Lavacolla por obras, ante a previsión do aumento dos voos despois desa data.
«A empresa non está disposta a negociar e só pensa en extinguir contratos do persoal máis antigo para contratar despois xente eventual con menos horas e condicións máis precarias», denunciou Couceiro.

O sindicato tamén advertiu sobre as consecuencias dos despedimentos noutros sectores que operan no aeroporto, como as cafetarías, o aluguer de vehículos e o turismo en xeral.

⚙ Configurar cookies
0.24651694297791